Nova operación contra a distribución ilegal de material audiovisual a través da Rede

mércores, 24 de agosto do 2011 Redacción

O Grupo de Delitos Telemáticos (GDT) da Unidade Central Operativa da Garda Civil no transcurso da operación Trafikante, desenvolvida en Zaragoza e Valencia, detivo 4 persoas como presuntos autores de delitos contra os dereitos de propiedade intelectual e industrial.
Durante a práctica de 4 rexistros levados a cabo en propiedades dos detidos, os axentes interviñeron numerosos dispositivos informáticos (discos duros de ordenador, tarxetas de memoria, cámaras de vídeo, gravadoras de audio e discos ópticos) así como abundante documentación relacionada coa distribución ilícita de material audiovisual a través da rede.
A investigacións da Garda Civil iniciáronse tras recibir unha denuncia da FAP (Federación para a Protección da Propiedade Intelectual) e responsables da Comunidade Filmin, sobre a existencia en páxinas web pertencentes á comunidade SubNet, dunha grande cantidade material audiovisual protexido que se estaría a difundir a través destas.
O devandito grupo, estaba perfectamente organizado, e os seus membros tiñan unha clara distribución de funcións. Así pois, algúns dos membros encargábanse da gravación dos audios e dos vídeos, mentres outros se encargaban da comercialización do material. O grupo SubNet, a través da súa rede de páxinas web permitía o acceso a gran cantidade de material audiovisual que se podía descargar mediante o uso de diversas redes P2P, ou ben mediante descarga directa, todo iso sen a autorización dos titulares dos dereitos sobre o citado material
Como queira que nalgunhas ocasións o material audiovisual que pretendían colgar nas web se encontraba en idioma estranxeiro, realizaban as gravacións de audio en diversas salas de cine español, adaptando posteriormente o audio aos citados arquivos de vídeo.
Cabe sinalar que o grupo desmantelado representaba unha comunidade privada á que unicamente se accedía por convite dos seus membros. Cando un novo socio pretendía descargarse algunha película ou arquivo, para autorizalo a descarga obrigábaselle a contribuír á comunidade con novo material audiovisual. Este control levábase a cabo mediante un sistema de contabilidade, facéndose necesario ter achegado tanta información á comunidade como arquivos descargados.

PUBLICIDADE