Nova liña de axudas para a modernización tecnolóxica do pequeno comercio galego

xoves, 6 de xuño do 2013 Redacción

Dende a Consellería de Industria deron conta hoxe ao Consello da Xunta dunha liña de axudas destinada ao pequeno comercio, considerado como un dos motores para a recuperación económica, que cunha dotación de 440.000 euros contribuirá á modernización do comercio de proximidade a través da incorporación das novas tecnoloxía. Este programa de axudas ten como obxectivo principal o fomento do uso da Internet e a venda en liña, que facilitará aos comercios unha mellor atención ao público co fin de incrementar as súas vendas.
Economía e Industria financiará o 70% das actuacións subvencionables (porcentaxe que chegaría ao 75% para os establecementos en vilas con menos de 5.000 habitantes e para comercios ambulantes) e entre as accións subvencionables estarían a mellora do equipamento tecnolóxico e a creación de páxinas web para favorecer o acceso do público ao produto a través do comercio electrónico.
As axudas outorgaranse en concorrencia competitiva, resaltan entre os criterios de avaliación o asociacionismo comercial, a venda en liña e que o solicitante sexa muller, e aspira a beneficiar a máis de 300 pequenos comercios.

PUBLICIDADE