Nova edición dos premios do COETG para as mellores empresas do eido dixital

martes, 1 de setembro do 2009 Fernando Sarasketa

Poñer a primeira pedra dunha empresa do sector das novas tecnoloxías non é só pór en marcha unha iniciativa privada TIC. Tamén é, sexa consciente diso ou non a persoa responsable, buscarlle á crise produtiva o seu punto feble. Este compoñente de reactivación económica e de procura de novos eidos de competitividade para a nosa terra non pode, a xuízo do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG), ficar sen recoñecementos, polo que o dito órgano vén de convocar a oitava edición do Premio Gerardo García Campos 2009 á mellor iniciativa empresarial TIC. Segundo informa o COETG, trátase de salientar o esforzo das nosas compañías a prol de usar o coñecemento como ferramenta de riqueza e, a maiores, implicar a todos os sectores neste estado de cousas.
O galardón, que se entregará no marco da 14ª Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información (xuntanza dos profesionais do eido a celebrar o vindeiro 6 de novembro no Gran Hotel da Toxa), conta co patrocinio da Fundación Enxeñeiro Gerardo García Campos e está dotado con 6.000 euros.
A esta contía poderán acceder todas as pequenas e medianas empresas galegas e españolas (pero con actividade ligada á nosa xeografía) relacionadas co sector dixital que leven constituídas menos de cinco anos na data de convocatoria.

Bases da presente edición do Premio Gerardo García Campos

Estas son as áreas de actividade que cubrirá o certame como elementos a valorar: introdución das novas tecnoloxías en sectores nos que acheguen valor en procesos tradicionais; desenvolvemento de produtos aplicables en mercados amplos; orientación á exportación; creación de emprego tecnolóxico; actividade en Investigación e Desenvolvemento (I+D); medre do espectro de valor no sector das TIC e deseño de produtos de interese social.
Aquelas firmas que desexen optar ao premio deberán subministrar a seguinte documentación:
- Un cadro explicativo da empresa no que se indique o ano de creación, número de traballadores, facturación e unha breve descrición da súa actividade.
- Memoria explicativa do proxecto ou proxectos que se consideren de mérito para o premio (mínimo 5 folios).
Ámbolos dous documentos deberanse enviar por correo electrónico aos seguintes enderezos: administracion@coetg.es e aetg@aetg.org indicando no asunto: “Premio Gerardo García Campos 2009”. O prazo de recepción das memorias rematará o vindeiro 3 de outubro.

PUBLICIDADE