Nova edición do programa Formadores Dixitais

luns, 10 de outubro do 2022 Redacción

A Xunta vén de pór en marcha a terceira edición do programa Formadores Dixitais no que se está a ofrecer cualificación en competencias dixitais a 80 docentes especializados en formación para o emprego. A iniciativa estende o número de horas lectivas dirixidas a estes profesionais ata as 150 nesta ocasión, na que se prestará especial atención ás ferramentas para a docencia virtual. As sesións, que arrancaron esta mesma semana, estenderanse ata o próximo 15 de decembro.
A docencia vinculada á area de emprego é unha pedra angular nas dinámicas dun mercado laboral en constante evolución con un novo abano de posibilidades que están dando paso a novos desafíos, principalmente no eido dixital. Formadores Dixitais está dirixido, así, a docentes residentes en Galicia que impartan ou teñan impartido desde o ano 2020 algún curso dentro do eido da formación para o emprego.
As horas lectivas do programa impártense 100% en modalidade en liña. Repártense en módulos formativos co propósito de mellorar a capacitación dixital das persoas que traballan na formación para o emprego ofrecéndolles ferramentas baseadas no e-learning. Neste marco, as sesións aproveitan técnicas e soportes desta modalidade docente tanto no eido da xestión académica, as aplicacións de telefonía móbil e/ou o desenvolvemento de podcasts ou presentacións interactivas.

PUBLICIDADE