Notábel presenza galega na escolma dos mellores negocios feita polos usuarios de 11870.com

xoves, 23 de febreiro do 2012 Fernando Sarasketa

O servizo 11870.com vén de achegar os nomes dos negocios incluídos na súa listaxe dos mellor valorados polos seus usuarios, un total de 70.000 internautas. A páxina web, que se dedica a achegarlle á comunidade internauta un acubillo para gardar e compartir os seus restaurantes e empresas favoritas, recoñeceu este ano a un total de 2.500 empresas repartidas por toda a xeografía española. Estes recoñecementos, que chegan á súa quinta edición, inclúen un ano máis un bo número de empresas galegas, salientando dende o punto de vista cuantitativo as da provincia da Coruña, un total de 59, co que se duplica o número de premiados con respecto á anterior convocatoria.
De entre os galardoados, informa o servizo 11870.com, cómpre destacar restaurantes como O’’Recanto e La Bombilla, a crepería Petite Bretagne, o bar O Patachim, a cafetería El Café de Macondo, a xeadería Colón e la libraría Formatos, todos eles na propia cidade da Coruña. Tamén figuran no máis alto do ranking Casa Marcelo, Casa de Xantar O Dezaseis, Bierzo Enxebre, Abastos 2.0, O Gato Negro o El Asesino en Santiago de Compostela, Fogar do Santiso en Teo, El Huerto de Santa Cristina en Oleiros e Tira do Cordel en Fisterra.
Polo que respecta a Pontevedra, contabilízanse un total de 19, en Lugo 3 e en Ourense 7. Das empresas incluídas destas tres provincias, acadan postos especialmente relevantes negocios como o Restaurante Maruja Limón ou o Café UH, ámbolos en Vigo. Tamén destaca, por poñer un exemplo, a Casa Solla en Poio.
Estes e outros negocios obtiveron o distintivo do mellorciño de 2012 a partir das valoracións e medias achegadas polos usuarios de cada sitio, estimadas xunto a outros datos variábeis e completado todo o conxunto cunha revisión manual dos premiados para evitar fraudes.
Segundo fan saber os responsábeis da web, só se lle dá o galardón aos sitios coas notas medias máis altas. Cada un deles recibirá un recoñecemento que poderán amosar nun lugar visíbel co fin de ser recoñecidos de xeito doado pola comunidade de internautas.

PUBLICIDADE