Noruega quere cesar as emisións de radio FM en 2017

martes, 21 de abril do 2015 Marcus Fernández

Pese a que en España intentouse promover a implantación da radio dixital, non parece gozar de popularidade por numerosos atrancos como os seus problemas de recepción e a necesidade de precisar de receptores caros e case totalmente ausentes do mercado (o que é especialmente salientable no caso dos automóbiles, onde a radio FM está sempre presente, mentres que os receptores DAB son unha rara avis). Pese a que esta tecnoloxía data dos anos 80, practicamente non ten presenza real, e no caso galego limitaríase á Radio Galega en cinco emisores. De feito, os concursos de licenzas con tal tecnoloxía quedaron desertos e en Cataluña, as canles privadas que recibiron licenza autonómica xa cesaron as súas emisións, deixando claro que non parece existir unha demanda real, o que resulta moi rechamante ao sabermos que en Noruega veñen de fixar no 1 de xaneiro de 2017 a data de apagamento analóxico das emisións de radio.
Cómpre destacar que o caso noruegués é moi diferente do español, e actualmente contan só con 5 canles estatais de radio FM, mentres que en DAB contan con 22 canles, quedando espazo para 20 canles máis, polo que podería mellorarse considerablemente a oferta de contidos. Máis da metade da poboación xa accede á emisoras de radio local a través de DAB, e consideran que a dixitalización pode incrementar considerablemente a oferta de contidos, de aí que queiran optar por apagar a radio FM e así aproveitar as súas frecuencias dun xeito semellante a como se fixo coa televisión analóxica en toda Europa.
Para que o apagamento da radio FM sexa posible en Noruega teñen que conseguir que a cobertura da radio dixital chegue como mínimo ao 90% da poboación. No caso de non avanzar a dixitalización ao ritmo debido, o apagamento adiaríase até o ano 2019, pero en calquera caso será inevitable.

PUBLICIDADE