Nortempo incorpórase a AMETIC, a patronal da industria dixital española

luns, 13 de febreiro do 2023 S. P.

O grupo galego Nortempo, centrado na xestión integral de recursos humanos, anunciou a súa incorporación a AMETIC, a asociación que representa á industria dixital en España. Trátase dun paso adiante do grupo ao abeiro do seu plan de innovación, segundo explicaron fontes da empresa, engadindo que será nova firma asociada dunha patronal dixital que aglutina a empresas globais de TI (Tecnoloxías da Información), telecomunicacións, electrónica, servizos e contidos dixitais, asociacións e líderes en transformación dixital.
O presidente de Grupo Nortempo, Bartolomé Pidal e o director xeneral de AMETIC, Francisco Hortigüela, formalizaron a adhesión á asociación en Madrid, destacando o traballo conxunto para impulsar a transformación dixital. Para Pidal, “o noso compromiso coincide co de AMETIC, porque o noso plan estratéxico ten como piares a innovación e dixitalización, forma parte do noso ADN e centra todas as nosas actuacións en materia de recursos humanos. Apostamos pola adopción de tecnoloxías como a Intelixencia Artificial, a seguridade e a análise intelixente de datos, ademais de automatizar e dixitalizar os nosos procesos internos e de negocio”.
Pola súa banda, o director xeneral de AMETIC destacou que é “un pracer contar con Nortempo como nova asociada. Desde AMETIC impulsamos o desenvolvemento de talento dixital e a capacitación no uso destas novas tecnoloxías en todos os traballadores, así como a creación de novos empregos da industria dixital”.
Tanto Grupo Nortempo como AMETIC comparten obxectivos comúns, como o impulso do talento no sector TIC e a dixitalización das empresas e a sociedade; co fin último de mellorar o estado de benestar e a competitividade.

PUBLICIDADE