Nokia quere adquirir a totalidade de Symbian Limited para abrir a súa plataforma móbil a través dunha nova Fundación

martes, 24 de xuño do 2008 Marcus Fernández

Imaxe do webcast no que se presentou á Fundación Symbian

Nokia anunciou a súa oferta de adquisición das accións de Symbian Limited que aínda non eran da súa propiedade por uns 264 millóns de euros, nunha operación que ten coma obxectivo a liberación da compañía a través da nova Fundación Symbian, que estaría formada por unha serie de compañías coma AT&T, LG, Motorola, NTT DoCoMo, Samsung, Sony Ericsson, Orange, Vodafone e outras, que colaboran no desenvolvemento da plataforma de software para móbiles (S60) que tanto éxito acada nos teléfonos intelixentes de Nokia (e doutros fabricantes).
Ao pasar o Symbian OS a ser responsabilidade da Fundación Symbian, agárdase dar un pulo a este sistema operativo, que continúa a ser un dos de mellor aceptación en contornos móbiles (instalado en máis de 200 millóns de terminais). Nun primeiro momento a Fundación publicará varios dos elementos do Symbian OS coma código aberto, para desenvolvelos nos vindeiros 2 anos baixo licenza EPL 1.0.
Dende Nokia aseguran que «establecer a Fundación é unha das maiores contribucións á comunidade aberta» que fixeron nunca, e dende a compañía finlandesa pretenden achegar aos desenvolvedores «a liberdade para construír, manter e evolucionar aplicacións e servizos» para un amplo ecosistema de dispositivos; mentres que dende Sony Ericsson destacan que a nova plataforma «simplifica a vida aos fabricantes de terminais».

A Fundación Symbian agarda comezar a funcionar durante o primeiro semestre de 2009, cando se complete a adquisición das accións de Symbian Limited que aínda non pertencen a Nokia, de xeito que podería supor unha grande ameaza a Android, a plataforma móbil impulsada por Google.

PUBLICIDADE