Nokia premia este 29 de xuño en Madrid os proxectos de aplicacións máis innovadores e brillantes

venres, 15 de xuño do 2012 Fernando Sarasketa

Aviso a estudantes universitarias/os que estean a piques de dar forma a ideas innovadoras ligadas á mobilidade: o vindeiro 29 de xuño, a multinacional Nokia celebra en Madrid, na Universidade Rei Juan Carlos, o evento coñecido como Hackathon, que non é outra cousa que unha xornada-certame de presentacións e intercambio de experiencias arredor das “ideas máis brillantes” que están a abrollar arestora dos campus españois. O encontro insírese en Gamelopers (competición para estudantes desenvolvedores que busca as aplicacións que meirandes diferenzas marquen) e para participar nel deberemos realizar xa a inscrición a través da web da dita competición, e enviar logo un correo de confirmación cos nomes dos asistentes (só hai 80 prazas dispoñíbeis).
Segundo informa Nokia, tódolos concursantes do Hackathon poderán competir individualmente ou por equipos con outros desenvolvedores, “nunha proba que consistirá en idear o concepto dunha aplicación que logo terán que defender perante un xurado composto por profesionais da casa fabricante de aparellos móbiles”. A competición dará comezo ás 10 horas nunha clase práctica que xirará arredor do uso da tecnoloxía Java para a creación de programas nos dispositivos da marca. Logo da adquisición de coñecemento, os concursantes terán a xornada enteira para pensar un concepto innovador de aplicación, para ser presentado ante o xurado. A clausura da xornada realizarase ás 20 horas co anuncio dos gañadores, que levarán como premio un Nokia Lumia 710.

PUBLICIDADE