Nokia podería presentar móbiles con Android este mesmo mes

luns, 10 de febreiro do 2014 Marcus Fernández

Imaxe do que podería ser o primeiro móbil de Nokia con Android

Levamos moitos meses escoitando falar un proxecto de Nokia alcumado Normandy que consistiría nun móbil da compañía finlandesa co sistema operativo Android, o que resultaba moi rechamante estar a realizarse unha absorción da empresa por parte de Microsoft, e agora o The Wall Street Journal é o medio que atrévese a asegurar que durante o Mobile World Congress de Barcelona presentarase oficialmente o primeiro móbil de Nokia con Android, aínda que con certos matices: estaría dirixido a mercados emerxentes e non incluiría o lote de aplicacións de Google (nin a súa tenda de aplicacións, como fan bastantes fabricantes non certificados por Google).
Ao parecer esta decisión sería consecuencia de que Windows Phone, pese a ter un bo desempeño en smartphones como o Lumia 520 (que podemos atopar libre no noso territorio por menos de 120 euros), non pode correr en teléfonos moi baixa gama (de menos de 100 dólares de prezo), o que si consegue Android, de xeito que os novos móbiles que presentaría Nokia non competirían coa familia Lumia, senón que irían na dirección de ocupar o espazo antes dominado por terminais con Symbian.
A publicación económica norteamericana chega a matizar que a fabricación destes móbiles con Android podería externalizarse para poder atender ao volume de terminais que habería que colocar nun mercado no que Android ten cada vez un papel máis importante. Deste xeito, Microsoft orientaría os seus móbiles con Windows Phone ás gamas media e alta, para competir cos iPhone de Apple ou a familia GALAXY de Samsung.

PUBLICIDADE