Nokia perdeu 576 millóns de euros no último trimestre

xoves, 18 de outubro do 2012 Marcus Fernández

Stephen Elop asegura que o último trimestre foi de transición para a familia Lumia

Nokia presentou hoxe os seus resultados financeiros do terceiro trimestre do ano (que podemos descargar en formato PDF), rexistrando unhas perdas de 576 millóns de euros, o que podería parecer unha mala nova, pero enténdese como algo positivo pois mellora os 826 millóns de euros de perdas do trimestre anterior. De feito, de non considerarse os gastos extraordinarios (provocados en boa medida pola reestruturación da compañía) os beneficios de Nokia serían de 78 millóns de euros, polo que o seu rumbo parece atinado.
No que respecta aos móbiles con Windows Phone, as vendas caeron de 4 a 2,9 millóns de unidades vendidas, o que non parece responder a unha mala acollida global da familia Lumia, senón ao feito de que se anunciou que os actuais terminais con Windows Phone 7.5 non serían actualizables ao Windows Phone 8 que sae a finais de mes, polo que os consumidores informados evitan adquirir terminais cunha esperanza de vida reducida.
No que se refire aos móbiles de Nokia con Symbian, anterior estandarte da compañía finlandesa, só venderon 6,3 millóns de unidades, o que suporía unha caída interanual do 63%, deixando claro que esta familia de móbiles está nun proceso de extinción inevitable tras o acordo entre Nokia e Microsoft para desenvolver dispositivos con Windows Phone.
Podemos concluír que os resultados de Nokia non só están dentro do agardado polos analistas, senón que incluso serían lixeiramente mellores, quedando agora por agardar un rexurdir da compañía no último trimestre do ano e no primeiro trimestre de 2013 grazas ao lanzamento de móbiles como os Nokia Lumia 920 e 820, que poderían ter unha demanda bastante forte, segundo podemos entender do feito de que xa se esgotaran as reservas do primeiro en Italia.

PUBLICIDADE