Nokia desenvolve unha aplicación para subir vídeos a YouTube dende Windows Phone 8

venres, 26 de xullo do 2013 Marcus Fernández

Pese a que os móbiles Nokia Lumia destacan pola calidade das súas cámaras en moitos dos seus modelos, compartir os vídeos gravados con estes dispositivos non resulta doado, especialmente porque a aplicación de YouTube non tira proveito do potencial destes smartphones, de aí que Nokia estrease estes días, inicialmente para o Nokia Lumia 1020 (é de esperar que chegue en breve ao resto da familia Lumia con Windows Phone 8, como acontece con outros ferramentas semellantes desenvolvidas por Nokia) un par de ferramentas de grande utilidade: a aplicación YouTube Upload (que permite publicar vídeos dende o móbil a YouTube) e a aplicación Nokia Video Trimmer (que permite recortar o tempo dun vídeo, elixindo o seu punto de entrada e de saída, para poder compartilo despois).
A ferramenta de subida de vídeos a YouTube permite subir os vídeos ás máis altas resolucións a través de Wi-Fi, mentres que cando usemos banda larga móbil a aplicación instaranos a recurtar o vídeo ou a reducir a súa calidade para compartilo (ou agardar a contar cunha conexión Wi-Fi para poder facer a operación sen limitacións). Polo momento a carga de ficheiros a YouTube só pode facerse en primeiro plano.

PUBLICIDADE