Nokia comeza a actualizar a versión de Windows Phone 8 dos seus móbiles

venres, 16 de agosto do 2013 Marcus Fernández

Os usuarios de smartphones con Windows Phone 8 como o Nokia Lumia 920 están comezando a recibir dende onte a actualización do seu sistema operativo á versión alcumada Amber, que achega importantes melloras aos móbiles co sistema operativo de Microsoft e, no caso dos dispositivos Lumia, tamén inclúe unha serie de novas aplicacións e melloras que foron probando ultimamente en novos terminais da familia para achegalos agora dun xeito máis amplo.
Os usuarios que teñan un destes dispositivos poden agardar a recibir a notificación de actualización dispoñible ou forzar a súa detección dende o menú de configuración do móbil, agardándose que antes de rematar o mes de setembro estea dispoñible para toda a familia Lumia con Windows Phone 8.
Entre as melloras recibidas nos móbiles Lumia é de destacar que finalmente activaron a posibilidade de acceder ao chip receptor de radio FM, polo que xa poden sintonizarse emisoras de radio dende o reprodutor multimedia integrado (sempre que teñamos os auriculares conectados ao móbil para facer de antena); aínda que a meirande parte dos usuarios agradecerán máis o feito de poder gozar no seu móbil das novas aplicacións de cámara desenvolvidas por Nokia (podendo seleccionar no menú cal prefiren empregar de xeito predeterminado).

Melloras na cámara

Coa actualización, varios móbiles reciben a nova aplicación de cámara de Nokia

Con Nokia Smart Cámara (a tamén coñecida como función de disparo intelixente) pódense tomar varias imaxes a refoladas para poder elixir logo a imaxe máis atinada, mudar as caras das persoas retratadas facendo que nunha fotografía de grupo poidan aparecer todas as persoas coma mellor expresións posible, eliminar obxectos en movemento, combinar varias imaxes para conseguir rexistrar unha acción ou realizar un desenfoque do fondo conseguindo unha maior sensación de velocidade. Pero todos estes filtros poden quedar eclipsados por unha ferramenta máis orientada ao uso diario, a Nokia Pro Camera, que nun principio só está dispoñible para os terminais de alta gama (920/925, 928 e 1020) e destaca por permitir un grande control da nosa cámara con atallos para modificar a configuración da cámara a través dunha botoneira e dun dial, de xeito que mudar a sensibilidade, a exposición ou o balance de brancos xa non é unha labor lenta e complicada.
A cámara tamén conta cun para de ferramentas para vídeos, como a aplicación Nokia Video Trimmer (que permite elixir o punto de entrada e saída dun vídeo a xeito de sinxelo editor) e a aplicación Nokia Video Upload (que facilita a subida dos vídeos a YouTube).

Nova pantallas de bloqueo


Cando o móbil está bloqueado xa non se limita a amosar unha pantalla en negro, senón que agora presenta a Nokia Glance Screen, pantalla na que a hora actual móvese pola pantalla cando non estamos usando o dispositivo (acompañando o texto da hora con algunha icona informativa na que pode advertir de detalles como que temos o móbil en modo vibración ou que o estamos a cargar, evitando así ter que acender o dispositivo co brillo ao máximo para simplemente consultar a hora.
Outra das posibilidades que existen con esta pantalla de bloqueo é que pode activarse en dispositivos con máis de 512 Mb de RAM a posibilidade de acceder ao terminal simplemente facendo un dobre toque na pantalla (aínda que este sistema de detección pode afectar á autonomía do smartphone.

Outras melloras


Como característica recuperada de vellos móbiles Nokia temos agora a posibilidade de xirar o teléfono para enmudecer unha chamada que esteamos a recibir e o móbil tamén incorpora ferramentas de grande utilidade como unha mellorada versión da aplicación de Control de Almacenamento (moi práctica para cando esteamos a quedar sen espazo no dispositivo) e o Data Sense (que axúdanos a levar un control sobre o uso que estamos a facer da conexión de datos móbil). A posibilidade de facer listaxes negras de números telefónicos para rexeitar dos mesmos chamadas e mensaxes de texto tamén ven activada con esta actualización que en breve chegará aos Nokia Lumia 820/720/620/520.

PUBLICIDADE