Noia e Tui inauguran cadansúas aulas da rede CeMIT

mércores, 23 de marzo do 2011 Raquel Noya

O secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro, desprazouse hoxe de maneira virtual ata os concellos de Noia e Tui, para participar nos actos de inauguración de cadansúas aulas da rede CeMIT.
Esta rede, que xa conta agora con 94 aulas presentes en 88 concellos galegos, tense convertido, en palabras de Cabaleiro “nun referente tecnolóxico na nosa Comunidade”, e é mostra de que no noso país “se está a superar a fenda dixital”.
Cabaleiro conectouse coas aulas destas vilas a través de videoconferencia, e mantivo unha conversación cos alcaldes de ámbalas dúas localidades, Rafael García e Antonio Feliciano, ediles de Noia e Tui respectivamente, os que valoraron positivamente esta iniciativa.
O secretario destacou que “a Xunta está a cumprir o compromiso de que cada cidadán poida contar cunha aula CeMIT a menos de trinta minutos do seu lugar de residencia”, e garantiu o apoio da Xunta aos concellos no mantemento tecnolóxico destas aulas, para o que se destinan anualmente 560.000 euros, segundo indicou, “para o servizo de centro de atención a usuarios e de soporte técnico”.
Na súa intervención, Cabaleiro destacou que as 94 aulas que compoñen a Rede de Centros de Modernización e Inclusión Tecnolóxica abrangue xa todas as comarcas de Galicia “onde funcionan como lugares de encontro, de formación e promoción multimedia”. Aludiu, así, á campaña Comunícate, posta en marcha pola Secretaría Xeral de Medios, que conseguiu integrar asociacións, centros educativos e outras entidades no uso destes espazos.
Salientou, ademais, que “poñen a tecnoloxía ao servizo de todos os galegos”, incluso na emigración grazas ao uso da vodeoconferencia, e que no pasado mes de febreiro albergaron 200 eventos cun uso horario diario nalgunhas aulas de ata 8 horas.

PUBLICIDADE