No Portal da Lingua toda a información sobre as probas CELGA, que comezaron esta fin de semana

luns, 24 de maio do 2021 S. P.

Política Lingüística iniciou esta fin de semana a primeira convocatoria de probas CELGA do ano 2021, na que está previsto que se examinen un total de 2.766 persoas e que vén acompañada dun destacado compoñente tecnolóxico (por exemplo a posibilidade de termos preparado o nivel máis básico do CELGA en formato online).
Os exames arrincaron este 22 de maio coas probas do CELGA 4 no IES compostelán Antonio Fraguas e na Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada, sedes oficiais nas que están convocadas a participar, durante o sábado e o domingo, 1.027 persoas das 1.596 inscritas neste nivel, as correspondentes ás letras que van da Y á O segundo a inicial do seu apelido. As 569 restantes, que van das letras P á X, acreditarán o seu coñecemento de galego no CELGA 4 o sábado que vén, 29 de maio, de acordo coa repartición requirida polas medidas de seguridade sanitaria e os protocolos que rexen a COVID-19.
As probas do CELGA 2 desenvolveranse o domingo 30 de maio, con 381 persoas matriculadas (326 en Santiago e 55 en Ponferrada); a seguinte fin de semana, a do 5 e 6 de xuño, será a quenda do nivel 3 (con 658 persoas inscritas en dúas xornadas de exames) e as probas correspondentes ao nivel máis básico, o 1, concluirán o sábado 12 de xuño, a primeira convocatoria de 2021 con 131 persoas inscritas en Santiago, única sede oficial deste nivel.
Toda a información, indicación de portas de entrada asignadas en cada centro de exame e aulas está dispoñíbel no Portal da Lingua Galega, onde tamén se veñen actualizando, durante os propios días dos exames, as quendas das probas orais e os horarios nos que deben presentarse as persoas convocadas.


PUBLICIDADE