Nintendo organiza unha exposición fotográfica 3D en A Coruña

venres, 15 de xullo do 2011 Marcus Fernández

Dende hoxe e ata o 24 de xullo de 12:00 a 14:00 e de 16:00 a 21:00 horas de luns a venres e de 12:00 a 21:00 horas os sábados estará aberta na Fundación Novacaixagalicia (A Coruña) a exposición Dimensiones by Nintendo 3DS, que permite achegarse ás fotografía estereoscópica que permite a nova consola portátil de Nintendo a través dunha serie de imaxes captadas por varios fotógrafos profesionais, que pretenden ilustrar sobre as posibilidades das 3D na fotografía e animar á xente a sumarse á experiencia coa súa Nintendo 3DS.

Xurxo Lobato explicando unha das súas imaxes na exposición

A principal vantaxe da experiencia tridimensional da Nintendo 3DS é poder gozala sen lentes, o que facilita poder facer unha exposición coas fotografías captadas, que conta neste caso con achegas de Ouka Leele (que xogou coas prestacións da 3DS debuxando sobre fotografías e integrando os Miis no mundo real), o coruñés Manuel Queimadelos (que procurou captar distintos momentos deportivos coa cámara da 3DS), Txema Salvans (que sorprendeu cos profundidade de imaxes dun neno que gusta dos dinosauros de xoguete), Marisa Flórez (que captou imaxes cotiás, nas que non faltaron os políticos, demostrando que a profundidade das 3D axuda a meterse nas situación), Daniel Riera (xogou coa fotografía de estudo en 3D), José B. Ruiz (que buscou a espectacularidade e fermosura nas imaxes de natureza que rexistrou estereoscopicamente coa 3DS), Joan Fontcuberta (quen optou por realizar bodegóns con lentes anaglíficas no que parecía unha broma para ilustrar a evolución das 3D dende as simples lentes de cartón ata os sistemas actuais sen lentes e, dándolle un toque máis local, con Xurxo Lobato (quen retratou en 3D a muralla de Lugo, a Torre de Hércules e a catedral de Santiago, entre outras imaxes).
Aparte da experiencia de visualización sen lentes, na posicións Dimensiones by Nintendo 3DS tamén dan algúns consellos para tomar boas imaxes estereoscópicas coa 3DS, como serían: non achegarse nin distanciarse moito do que se quere retratar, buscar diferentes planos na escena, elixir obxectos estáticos para evitar que as imaxes saian movidas, aproveitar as cores o máximo posible, mesturar luces e sombras, explorar distintos ángulos e outras prácticas que permitirán capturar imaxes cunha sensación de inmersión que mesturará o realismo coa creatividade.

Algunhas das imaxes que poden verse na exposición
Queimadelos demostra o potencial das 3D nas imaxes deportivas

PUBLICIDADE