Ningunha cidade española no top 100 dos espazos urbanos con mellor banda larga

martes, 27 de abril do 2010 Fernando Sarasketa

Vista aérea de Berkeley, California, unha das urbes con mellores accesos

A Rede, como case todas as cousas que comezan e ofrecen algo útil, dificilmente podía ir a menos. Por iso moito do que se nos conta no último informe trimestral The state of the Internet (que reflicte estes días o blog da CMT) cae un pouco de caixón. Por exemplo: o feito que de ao longo do cuarto trimestre de 2009 a maioría dos países que contan cunha boa taxa de penetración da banda larga fixa conseguisen incrementar a súa velocidade de conexión. A novidade, iso si, está nas cifras: nese 18% de índice de medre, cousa salientable. O informe en cuestión, que se apoia nunha análise exhaustiva da velocidade de navegación nos 100 países e cidades con mellores conexións, sitúa a Berkeley (California), Masan (Corea do Sur), Oxford (Inglaterra) e Taouyan (Taiwan) entre os espazos urbanos con velocidades de acceso máis altas.
Sen rastro de presenza española.
No ranking de países atopamos Hong Kong, Romanía, Letonia, Suecia, Países Baixos, Dinamarca, Suíza e Estados Unidos. Todos eles conseguiron ir alén dos 7,5 Mbps de velocidade media de acceso durante o devandito cuarto trimestre.
Por certo que entre as achegas europeas non deixa de chamar a atención a presenza de Romanía (con 7,2 Mbps de media), un país que quere saír da crise económica a forza de universalizar e mellorar ao máximo as súas redes do coñecemento, cousa que opinamos que non é en absoluto un mal comezo (España e Galicia deberían seguir este exemplo). Tamén é de salientar, como dixemos, o feito de que na clasificación achegada por espazos urbanos non se ofreza presenza española nos seus primeiros 100 postos. No ranking europeo, o país ocupa a 17ª posición, cunha velocidade media que comparada á de Romanía case dan ganas de botarse as mans á cabeza: 2,8 Mbps. Nos postos máis altos, iso si, están países como Suecia (6 Mpbs) e o resto dos países nórdicos, todos eles con taxas superiores aos 5 Mbps. Logo veñen Holanda, a República Checa e Bélxica.

PUBLICIDADE