Nextvision organiza no CNTG un seminario técnico sobre como protexermos a nosa rede sen fíos

luns, 15 de outubro do 2012 Redacción

O vindeiro 30 de outubro, o Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG) vai ser o escenario dunha xornada profesional de traballo, divulgativa e formativa, sobre as metodoloxías actuais máis eficaces e innovadoras na protección dos datos nos accesos sen fíos. Este seminario técnico sobre seguridade en redes wireless virá da man da empresa Nextvixion, con sede en Santiago, e celebrarase con horario de 9.30 a 13.30 horas. O seminario introducirá aos asistentes nos diferentes tipos de redes sen fíos, avaliando as tecnoloxías dispoñíbeis de protección e os mecanismos de seguridade que se poden integrar en redes, tanto domésticas como corporativas.
Durante o desenvolvemento da xornada trataranse temas relacionados cos distintos tipos de redes sen fíos existentes (PAN, LAN, MAN, WAN e Cellular Network), a especificación 802.11, a seguridade en redes Wi-Fi e a súa salvagarda, o protocolo de autenticación RADIUS, ataques máis comúns, cifrado, WEP, WPA. etc.
A xornada vai dirixida sobre todo a administradores de IT e, en xeral, a perfís técnicos interesados en obter información e coñecementos relacionados con feblezas e ataques asociados a esta tecnoloxía, así como mecanismos de protección fronte aos mesmos.
O relator da xornada será Andrés Tarascó Acuña, experto en seguridade informática e hacking ético con máis de 10 anos de experiencia no eido da auditoría na que realizou traballos a nivel internacional no ámbito da seguridade da información.
O acceso ao seminario, previa inscrición a realizar en líña a través do portal web do CNTG, é de balde e condicionado ao aforo do local.

PUBLICIDADE