New Space España reúne en Vigo os principais axentes do sector espacial español

mércores, 28 de novembro do 2018 Fernando Sarasketa

Este 29 de novembro, Vigo convértese nun punto de referencia espacial en todo o sentido do termo: non só como cidade escenario concreto de actividades tecnolóxicas, senón tamén como cidade coa ollada posta no firmamento. O motivo? A celebración do encontro New Space España 2018 na sede de Afundación (rúa Policarpo Sanz 24-26), que xunta este xoves as principais empresas e institucións do sector espacial estatal: os representantes do que se coñece como new space, un novo paradigma que abre o espazo a empresas e organización que até o de agora non tiveron ocasión de poñer o seu punto de mira alén das nubes, sobre todo porque os custes, elevados, non o permitían. Trátase dun evento pioneiro que pon o foco na democratización do espazo.
Baixo o título Oportunidades de negocio fóra da Terra, New Space España 2018 está organizado por Alén Space, o CINAE e a Universidade de Vigo, co patrocinio de ABANCA, Alter Technology Group, Arrow Electronics, Everis Aeroespacial, Defensa y Seguridad, GAIN (Axencia Galega de Innovación) e Wind One Advisors.
Entre os participantes salientan algunhas das principais empresas da industria aeroespacial española e de entidades e institucións cun protagonismo no sector: Airbus Space, Aistech Space, Alén Space, Alter Technology Group, CDTi (Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial), CINAE, Deimos Space, DHV Technology, Enisa, ESA (Axencia Espacial Europea), Everis Aeroespacial, Defensa y Seguridad, GAIN, GMV, Hisdesat, INTA (Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial), JME Venture Capital, PAE (Plataforma Tecnolóxica Aeroespacial Española), PLD Space, Satlantis, Thales Alenia Space e Universidade de Vigo.
Coo dixemos, unha das principais impulsoras do evento é Alén Space, unha spin-off da Agrupación Estratéxica Aeroespacial da Universidade de Vigo e que traballa desde hai máis de 10 anos na consultoría, deseño, fabricación e operación de pequenos satélites. O equipo de Alén Space, proxecto financiado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) e acelerado por ViaGalicia, participou en 2012 no lanzamento de Xatcobeo, o primeiro nanosatélite español da historia. Desde entón, desenvolveu proxectos nos que colaborou con axencias e institucións espaciais como a Axencia Espacial Europea (ESA), a NASA, a Agência Espacial Brasileira (AEB) e a Oficina de Nacións Unidas para os Asuntos do Espazo Exterior (UNOOSA).

PUBLICIDADE