Netin Club mobilizou dende As Pontes ducias de investidores en novos proxectos tecnolóxicos

mércores, 17 de marzo do 2021 S. P.

Netin Club, a plataforma de investidores privados en proxectos tecnolóxicos e innovadores, celebrou este 16 de marzo no concello galego das Pontes a súa nova convocatoria de investimento. Fíxoo en formato híbrido (presencialmente dende o Auditorio Municipal Casa do Peso e en streaming a través de Youtube para toda España) e presentando tres empresas na procura de financiamento.
Estas foron as iniciativas dadas a coñecer ante potenciais investidores de todo o ámbito estatal:
· Hygia, proxecto de Albacete que achega un sistema de Realidade Virtual que recrea varios casos de uso aos que os profesionais de emerxencias sanitarias en helicóptero (HEMS) expóñense de xeito regular.
· WeAreProBodas, de Barcelona, o primeiro marketplace de vodas no mercado que conecta a parellas con profesionais co fin de cubrir calquera necesidade á hora de planificar unha voda.
· Lolo Bio, proxecto de Murcia, ofrece unha solución cosmética bio, vegana e substentábel.
Como cada mes, Netin Club busca reactivar a economía daquelas startups que se atopan en procura de financiamento para así seguir medrando co seu negocio.
Ao evento acudiron máis de 30 investidores de maneira presencial e máis de 100 investidores conectáronse a YouTube desde as 13 localizacións que ten Netin Club en diferentes puntos da Península.
Enrique Saint-Gerons, conselleiro delegado de Netin Club destacaba no evento o obxectivo de ofrecer a posibilidade de procurar recursos para todas aquelas empresas e emprendedores que parten dos distintos puntos de España e que “teñen a necesidade de irse a outras zonas para atopar socios estratéxicos ou socios económicos”.
No evento, coa colaboración do Concello das Pontes, formalizouse tamén un acordo de colaboración entre AJE Lugo e Netin Club destinado a promover conxuntamente a economía a través do financiamento de proxectos da zona. Noelia López, presidenta de AJE Lugo, enxalzaba o labor de Netin Club á hora de facilitar ás emprendedoras e emprendedores o camiño cara ao capital que precisan para cadanseus proxectos.

PUBLICIDADE