Netflix tomará medidas para evitar que os seus subscritores simulen acceder dende outro país

venres, 15 de xaneiro do 2016 Marcus Fernández

A expansión internacional de Netflix foi un proceso moi pausado e estudiado, que durante o CES deu un salto de xigante para chegar case a todo o mundo de vez, o que os leva a ter que incrementar as súas medidas de seguridade para poder respectar os dereitos de explotación de contidos audiovisuais nos distintos países, de xeito que dentro dunhas poucas semanas activarán un sistema que detectará efectivamente o país no que se conecta o usuario, anulando a práctica actual do uso de proxies e desbloqueadores por parte dalgúns subscritores que simulaban estar nun país en concreto para poder acceder ao seu catálogo local de Netflix (lembremos que nos EE.UU. o catálogo dispoñible é preto de sete veces superior ao español).
Pero agora que Netflix está dispoñible en 190 países, a compañía asegura que está a esforzarse para que a meirande parte dos contidos que ofrece estean dispoñibles globalmente, ou sexa, que negociarán as licenzas de contido do xeito máis global posible, procurando respectar en todo momento o licenciamento por territorios xeográficos que impera na actualidade e que parece destinado a desaparecer se nos atendemos ás prácticas dos consumidores (que consumen cada vez máis contidos de servizos en liña en vez de tirar de plataformas audiovisuais que operan tradicionalmente).

PUBLICIDADE