Netflix renova a súa aplicación para Windows 10

xoves, 17 de decembro do 2015 Marcus Fernández

Cortana permite consultar o catálogo de Netflix mediante ordes de voz (polo momento, só en inglés)

Aínda que o servizo de Netflix funciona dende navegadores web, conta tamén cunha aplicación de seu para Windows 10, que vén de ser renovada para funcionar como unha aplicación universal, de xeito que achega unha aplicación para ordenadores e tabletas cunha interface nova, que permite moverse entre os contidos mediante desprazamentos horizontais e verticais bastante áxiles.
O bo desta nova aplicación é que axústase a numerosos tamaños de pantalla e resolucións, de xeito que busca presentarse do mellor xeito posible en función da pantalla que empreguemos, á vez que tamén soporta un control táctil ou o uso de xestos mediante un trackpad. Combina así numerosos xeitos de control, para que podamos movernos pola aplicación cun rato, nun portátil, nunha tableta... e no futuro próximo a aplicación adaptarase tamén para funcionar en teléfonos con Windows 10.
Outro detalle salientable desta aplicación é que engade soporte para Cortana, polo momento en inglés, o que permite que os usuarios poidan darlle ao reprodutor de Netflix ordes de voz. De feito, dende Windows 10 pódese así tanto iniciar a aplicación de Netflix como buscar a serie ou película que desexemos ver.

A nova aplicación de Netflix adáptase a distintos tamaños de pantalla e resolución
O catálogo de Netflix pode explorarse con desprazamentos en horizontal e vertical

PUBLICIDADE