Netflix confirma a súa chegada a 6 novos países europeos durante o presente ano

mércores, 21 de maio do 2014 Marcus Fernández

Netflix anuncia finalmente o seu plan de expansión europeo para o que resta do ano e, como era de prever, deixa a España fóra do seu itinerario, confirmando que os países nos que se estreará a finais de ano serán Alemaña, Austria, Suíza, Francia, Bélxica e Luxemburgo, onde os usuarios de conexións de banda larga poderán subscribirse a Netflix para acceder a unha ampla selección de filmes e series de televisión que poderán ver dende o televisor, smartphone, tablet ou consola de videoxogos.
Este servizo está a consolidarse como líder mundial, con 48 millóns de usuarios que consumen máis de 1.000 millóns de horas de contidos audiovisuais ao mes e que en Europa xa está presente en Reino Unido, Irlanda, Dinamarca, Finlandia, Noruega, Suecia e Países Baixos.
Tras coñecerse este anuncio parece quedar claro que os países do sur de Europa non son prioridade para Netflix, que pode considerar que son menos rendibles, pola pouca penetración que teñen nos mesmos os servizos de vídeo baixo demanda de pagamento.
Mentres, en España temos plataformas como Wuaki.tv que van collendo forza, como demostran coa súa aposta polo Chromecast e pola estrea esta mesma semana da serie House of Cards, que curiosamente é unha das producións estrela de Netflix. ¿Será Wuaki Selection o servizo que está a servir de globo sonda para o desembarco de Netflix en España?

PUBLICIDADE