Naturgy pechou 2018 con máis de 1,5 millóns de contadores domésticos smart na nosa terra

venres, 4 de xaneiro do 2019 Fernando Sarasketa

UFD, filial de distribución eléctrica de Naturgy, vén de facer balance do acadado en 2018 en materia de tecnoloxías de rexistro enerxético-doméstico avanzado. Segundo detalla, o ano rematou coa cifra de 1.509.529 contadores intelixentes instalados nos fogares, é dicir, o 98,3% do parque de equipos da compañía en Galicia, con potencia contratada inferior a 15 kW.
No balance tamén se fai saber que o 97,4% destes contadores está “plenamente integrado no sistema de telexestión”, o seguimento a distancia, “cumprindo o plan de substitución de contadores segundo se determina na lexislación vixente”, explican dende Naturgy, engadindo que estes equipos de control recollen diariamente 215,3 millóns de rexistros horarios na nosa Comunidade.
Por provincias, UFD instalou xa preto de 692.000 contadores na Coruña (o 99% do seu parque de contadores); máis de 487.500 en Pontevedra (o 97% do parque da compañía nesta provincia), preto de 245.000 en Ourense (o 99,4% do parque) e máis de 85.000 en Lugo (o 99,9% do parque de contadores de UFD lucense).
En España, UFD pechou o ano 2018 coa cifra de 3.610.346 contadores intelixentes domésticos instalados, o que supón o 99% do parque de equipos da compañía no país, con potencia contratada inferior a 15 kW.
Detalles sobre os contadores
Segundo explica Naturgy, os novos contadores dixitais son no ámbito doméstico “o elemento sobre o que pivota o desenvolvemento das redes intelixentes”, fornecendo aos usuarios de máis datos sobre a enerxía consumida e favorecendo “o aforro e a eficiencia”, unha lectura da enerxía “con discriminación horaria” que facilite a adaptación ás tarifas máis vantaxosas para os diferentes hábitos de consumo, e “un mellor servizo e redución de molestias grazas á realización remota das operacións (lectura do consumo, altas, baixas, modificacións ou reconexións) de forma máis áxil”.
As novas tecnoloxías de rexistro smart, ademais, recollen os datos de consumo do cliente e transmítenos, a través do propio cable eléctrico con tecnoloxía PLC, até un concentrador situado no centro de transformación. Este concentrador, con tecnoloxía sen fíos, subministra a información aos sistemas da compañía distribuidora. Logo, as distribuidoras facilitan os detalles recollidos á comercializadora do cliente para a súa facturación e pona a disposición do usuario.

PUBLICIDADE