Narón aposta pola informática divertida para gozar do Nadal

venres, 23 de decembro do 2016 Redacción

O Concello de Narón está a apostar estes días por un xeito tecnolóxico de gozar do Nadal. Falamos da actividade Informática Divertida (INDI), na que participan dende este xoves 22 case 70 mozos do concello (até o 30 de decembro). Esta proposta, que xunta lecer e formación, vén da man da Concellería de Mocidade, Formación e Novas Tecnoloxías. Diríxese sobre todo a rapaces de entre 7 e 15 anos e desenvólvese en cinco localizacións, catro da zona rural (Castro, Val, Pedroso e San Mateo) e a outra na aula CeMIT (emprazada no antigo Concello). Os participantes, a través de actividades de lecer, familiarizaranse coa programación de videoxogos, a posta en marcha de blogs ou a elaboración de bandas deseñadas en formato dixital.
A concelleira de Novas Tecnoloxías, Natalia Hermida, sinalou que “o obxectivo da actividade é que os rapaces se introduzan no eido das novas tecnoloxías dun xeito ameno e divertido”. De xeito complementario, apóstase por tirar proveito das vacacións para prolongar o proceso de aprendizaxe das crianzas e dos adolescentes. Segundo fixo saber, Informática Divertida permitirá “non só contribuír á conciliación da vida familiar e laboral das familias, senón tamén a achegar os recursos informáticos a todas as zonas do noso municipio”.

PUBLICIDADE