Narón activa unha web para facilitar o acceso ás actividades socioculturais locais
venres, 3 de setembro do 2021
A
alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e a concelleira de Ensino,
Mercedes Taibo, presentaron na mañá deste 2 de setembro unha nova
web municipal, Busco actividades,
unha ferramenta que permitirá
consultar información sobre actividades do Servizo Sociocomunitario,
a Biblioteca e o Padroado da Cultura dirixidas á cidadanía.
A
páxina, segundo explicaron, estrutúrase en varias opcións, podendo
elixir entre actividades destinadas a calquera tipo de colectivo ou
persoa e actividades para centros escolares en horario lectivo ou
consultar directamente a listaxe de actividades. Amais, achega un
sistema de filtros que permiten seleccionar a actividade que máis
interese en cada caso en función do seu horario, do lugar no que se
realiza ou da idade á que se dirixe.
A
web fornece de información sobre algo máis dunha trintena de
propostas. A maiores do contido, en cada unha delas especifícanse
datos como os obxectivos das mesmas, as datas, hora e lugar no que se
imparten, os destinatarios, as taxas (en caso de ser pago) e tamén
sobre a tramitación das inscricións nas mesmas.
As
Escolas Culturais do Padroado da Cultura (Bailes de salón, Escola de
Formación Actoral, O Recuncho dos Pequechos, Obradoiro de
Construción de Instrumentos…) están entre as entidades incluídas
na nova web municipal, onde figuran ademais outras actividades como o
Club de Lectura, Clases de Español para persoas estranxeiras, Club
de Lectura Feminista, Mesas de conversa en inglés, Reforzatic,
Robótica educativa, Escolas de Familia, Ximnasia rehabilitadora…
Dende
o Concello animouse á cidadanía a facer uso desta nova ferramenta e
incidiuse en que se creou coa finalidade “de ir ampliando as áreas
de traballo para poder tamén ofrecer dende ese novo espazo web
información sobre actividades impulsadas dende outras áreas
municipais”.