Narón acolle o 19 de xaneiro unha nova edición das noites Drupal

xoves, 3 de xaneiro do 2013 Fernando Sarasketa

Unha das xeiras anteriores de traballo celebrada en Mugardos

O vindeiro 19 de xaneiro temos nova cita de usuarios e programadores galegos de software libre, desta volta un encontro impulsado por algunhas das principais asociacións do país en materia de código aberto e coa dupla intención de impulsar o coñecemento libre e as súas vantaxes e certificar os máis variados recantos da nosa xeografía como eixes en potencia de actividade da cultura sen atrancos. Desta volta, Narón será o emprazamento da quinta noite Drupal & GNU/Linux, que vén da man de GALPon (Pontevedra), Comunidade O Zulo (Mugardos), Inestable (Ordes) e a Asociación Ociorum (A Coruña).
Lembrar que estas xeiras noctámbulas de confraternización e intercambio de coñecemento teñen a súa orixe en Mugardos, tal e como nos recordan dende Mancomún. A nova entrega desenvolverase no local de Ada Formación en Narón, emprazado na rúa Santa Tecla.
O obxectivo da xuntanza é coñecido, pero non por iso menos importante: subliñar a mensaxe de que a programación aberta, e por extensión o coñecemento aberto, é clave para o desenvolvemento dunha sociedade máis xusta e mellor informada e comunicada, máis libre das ataduras e dos intereses da gran industria, que raras veces coinciden cos intereses comúns da poboación. Asemade, diríxense a desbotar a falsa crenza de que software libre equivale a produtos de balde que non xeran riqueza: nada máis lonxe da realidade. De feito, é unha oportunidade inmellorábel para os emprendedores galegos. Os organizadores xa están a animar a tódalas persoas interesadas no desenvolvemento web e no software libre, sexa calquera o nivel de coñecementos que teñan, a participar nesta actividade de carácter gratuíto, sendo soamente preciso realizar unha inscrición previa por motivos organizativos.
Como en anteriores edicións os obxectivos concretos da actividade son:

  • Crear un espazo dinámico de referencia de innovación, dinamización e intercambio de coñecemento arredor da Comunidade de usuario Drupal e GNU/Linux
  • Fomentar o uso de tecnoloxías libres a abertas no desenvolvemento web.
  • Crear un colectivo ou "comunidade" itinerante de intercambio de coñecementos libres, ensinando e sobre todo aprendendo.

O programa da noite Drupal

  • 11:00 – 13:30 : Achégate a coñecer o mundo Drupal e GNU/Linux. Parte da comunidade galega de Drupal estará presente para guiarte nos teus primeiros pasos!
  • 16:00 – 20:00 (Pendentes aínda de confirmación)
    • Relatorio “Ecosistema Drupal” -> @apermuy
    • Charla “Display suitel” -> jcartelle
  • Despois dos relatorios será o momento de falar , programar , compartir , desexar , construír , hackear , aprender , optimizar , ensinar , etc , ... todo con Drupal como protagonista.

PUBLICIDADE