Nadalmercaegana.com impulsa as compras locais en Lugo e na provincia

xoves, 20 de decembro do 2018 Fernando Sarasketa

A Deputación e o Concello de Lugo, xunto con Lugo Centrum, presentaron hoxe a programación de Nadal para a cidade. Segundo fixeron saber, o programa inclúe máis de 40 actividades de balde dirixidas na súa maioría aos máis pequenos. Os grandes eixes de actividade serán a Praza Maior e máis as rúas do casco histórico, entre o 20 e o 4 de xaneiro. Entre as accións incluídas atópase un certame que vén con tres obxectivos: festexar o Nadal, promover o comercio de Lugo e da provincia e impulsar o uso das novas tecnoloxías da información. Trátase da campaña Merca e Gaña polo Nadal.
A iniciativa vén da man da Deputación, xunto aos colectivos da Federación de Comercio, e coa colaboración do Concello. A través de Merca e Gaña polo Nadal vanse sortear 20 tarxetas agasallo de 300 euros e outras 20 de 200 euros entre as persoas que merquen en calquera dos establecementos asociados da provincia, até o 6 de xaneiro. Para participar, a cidadanía terá que sacarlle unha fotografía ao ticket da compra que se lle entregue no establecemento e rexistrala en www.nadalmercaegana.com (ou ben solicitar o seu rexistro ao comerciante). A presente edición da iniciativa vén con 10.000 euros en premios.
Durante estas datas, incentivaranse as compras no comercio local con material de promoción nas rúas dos 67 concellos ou en redes sociais co cancelo #nadalmercaegaña.
Os días pasados, o certame puxo en valor o comercio local en Guitiriz ou na zona sur da provincia, onde 600 establecementos uníronse á iniciativa.

PUBLICIDADE