Nace o portal galego Vexetais.info, creado para fomentar as dietas vexetarianas

venres, 30 de outubro do 2009 Raquel Noya

Pese a que no noso país non existen sondeos concretos sobre as dietas vexetarianas e o número de persoas reais que seguen este tipo de alimentación baseado unicamente na inxesta de froitas, legumes e verduras, o certo é que segundo informa a Asociación Libera, “en Galicia existen preto de 3000 persoas que son vexetarianas, das cales o 10 por cento sería vegana”, unha cifra moi baixa incluso para España, que é o país europeo coa porcentaxe máis pobre de toda Europa en número de persoas vexetarianas.
A Asociación Libera, a fin de incrementar na medida do posible estas cifras tan baixas, e consecuentemente mellorar a saúde da nosa poboación, vén de anunciar o lanzamento dun portal en galego, Vexetais, que informa sobre este tipo de dietas e das vantaxes que conleva seguir unha alimentación equilibrada prescindindo das carnes.
A creación desta ferramenta, pioneira en Galicia, enmárcase nas actividades de celebración do Día Internacional do Veganismo, que terá lugar o vindeiro día 1 de novembro.
Nesta nova web, os cidadáns interesados en coñecer máis acerca do vexetarianismo poderán obter información sobre as diferentes dietas baseadas nos vexetais, co respaldo de organizacións internacionais, como a Asociación de Dietistas de Canadá ou o Comité de Médicos para unha Mediciña Responsable, de orixe estadounidense.
Asemade, entre as súas utilidades, Vexetais ofrece unha guía de locais de restauración que dispoñen de pratos ou menús aptos para vexetarianos, un recetario actualizado tanto para profesionais como amantes da cociña en xeral, e diferentes consellos sobre saúde.
Un aspecto destacable desta páxina é, por outra banda, a relación que se establece entre as dietas vexetarianas e o impacto que conlevan para o Medio Ambiente, un impacto denunciado polo Panel Intergubernamental para o Cambio Climático (IPCC) e o seu presidente, o Nobel da Paz, Rajendra Pachauri, e por Lord Stern, responsable da loita contra o quecemento global no Reino Unido, entre outros.

PUBLICIDADE