Nace a web iMit, para divulgar as actividades TIC do executivo galego

martes, 1 de decembro do 2009 Raquel Noya

A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica (SXMIT) vén de por en marcha esta semana, a plataforma web iMit (Iniciativas de Modernización e Innovación Tecnolóxica), que nace co obxectivo de converterse, segundo anunciaron dende o executivo, “na ferramenta de referencia na comunicación, divulgación e promoción das diversas actividades que en materia de Sociedade da Información se leven a cabo dende a Xunta de Galicia”.
A secretaria xeral, Mar Pereira asegura que “esta iniciativa ten a súa razón de ser na estratexia que en materia de promoción, desenvolvemento e difusión da Sociedade da Información e as Comunicacións está a desenvolver a Xunta de Galicia”, unha estratexia integradora na que a SXMIT, engadiu, “xoga o papel fundamental de desenvolver e coordinar todas as iniciativas de desenvolvemento da Sociedade da Información”.
Pereira presentou esta ferramenta durante o acto de inauguración da exposición itinerante Movemento Avanza, no cal remarcou o compromiso da Xunta co desenvolvemento da Sociedade da Información, tendo como eixes da súa actuación o Plan director de telecomunicacións, a implantación do e-goberno, a dinamización do uso das TIC e o fomento do sector empresarial da Sociedade da Información.
Na súa intervención, Mar Pereira afirmou que a Xunta quere “robustecer” as telecomunicacións non só como ferramenta para acadar novas oportunidades a nivel nacional e internacional, senón tamén para acadar a cohesión social interna, que definiu como “imprescindible para construír a Galicia única na que todos os cidadáns teñan igualdade de oportunidades”.
Nese marco situou o deseño da Estratexia global de telecomunicacións na que traballa o executivo galego, e que suporá o investimento de máis de 260 millóns de euros nesta lexislatura, incluíndo o Plan director de banda larga, o despregamento da TDT, a modernización das redes de telecomunicacións da Xunta e a mellora das redes de alta capacidade para a comunidade científica.

PUBLICIDADE