Nace Sermos Galiza, o xermolo dun novo medio na nosa lingua

venres, 1 de xullo do 2011 Fernando Sarasketa

Os responsábeis de Sermos Galiza, este venres ao mediodía no Hotel Virxe da Cerca de Santiago

Os tempos non son bos para a prensa en galegao Ás desaparicións nos quiosques de A Nosa Terra ou de A Peneira e ao peche na Internet de Vieiros e GZNación, cómpre engadir o adeus á edición en papel de Galicia Hoxe, unha despedida que, como salientamos dende Código Cero, provocou unha vaga de reaccións de preocupación e de rexeitamento entre a nosa comunidade en liña. Pois ben, semella que das palabras imos pasar aos feitos, de xeito decidido e con vontade de defender un eido natural de pluralidade informativa na nosa terra, hoxe en día cen por cen equilibrado a favor dos medios que non apostan polo galego, coa única excepción diaria de Xornal ou De Luns a Venres. Nesta liña de impulsar a nosa lingua dende o punto de vista xornalístico é onde se insire o grupo de comunicación Sermos Galiza, presentado este 1 de xullo no Hotel Virxe da Cerca de Santiago.
O obxectivo primeiro desta nova plataforma, constituída por persoas procedentes de distintos eidos profesionais (ensino, literatura, avogacía, economía, universidades, empresas e entidades sociais), amais de inclinar a balanza informativa cara unha situación máis favorábel para o galego, é por en marcha un novo medio impreso e outro dixital, ámbolos dous na nosa lingua.
Por certo que tanto unha como outra iniciativa substentaríanse sobre todo a través de subscricións e dun accionariado amplo e plural. O grupo promotor entende que, para o proxecto ser viábel, precisa do apoio dun mínimo de 3.000 subscritores e un capital social colectivo, evitando accionistas maioritarios. A intención, ademais, é a de manter a proposta aberta, non limitándose ao xornal dixital e ao semanario en papel, senón abranguendo a posibilidade de pór en marcha outros proxectos, como por exemplo unha canle de radio dixital.
O proxecto, que tamén vai dirixido a crear participación e traballo en mancomún arredor deste feito concreto e desta arela (o dereito a recibir comunicación en galego, hoxe en día atacado dende moitas frontes), conta coa presenza activa (entre outras/os moitas/os representantes da noso tecido produtivo e da nosa cultura) da escritora e profesora da Universidade de Santiago Teresa Moure, o profesor da Universidade da Coruña, Xosé Ramón Freixeiro Mato e a escritora e profesora Marga Romero. Ao seu xuízo, estamos perante un proxecto urxente e necesario, e máis tendo en conta que vivimos uns intres críticos para os medios en galego. Outra das finalidades de Sermos Galiza é ofrecer á cidadanía un producto informativo novo e distinto, segundo apuntan os seus impulsores, que defenda os intereses da Galiza na nosa lingua, que cree redes de participación e sexa a voz da cidadanía e que sexa, en definitiva, un proxecto colectivo que nace e se desenvolve pola forza e o entusiasmo dos e das que cremos neste país e no seu futuro. Canda eles, forman parte do grupo promotor o avogado Nemesio Barxa, a escritora Marica Campo, o músico Xurxo Souto, o profesor Francisco Carballo, a escritora e presidenta de Implicadas no Desenvolvemento María Reimondez, o profesor e presidente da Asociación Cultural O Galo Néstor Rego, o sindicalista e presidente da Fundación Fesga Manuel Mera, o investigador na Historia da Arte e o Patrimonio Manuel Vilar, o humorista gráfico Xosé Lois, o Carrabouxo, e a estudante da Universidade de Vigo Olalla Rodil.

PUBLICIDADE