Nace GCiencia, o portal galego da ciencia

luns, 25 de novembro do 2013 Redacción

A ciencia galega e todos aqueles interesados nela están de celebración, pois dende culturagalega.org dáse conta do nacemento dun proxecto xornalístico na Internet encamiñado a dar a coñecer a investigación da nosa terra galega en tres idiomas (galego, castelán e inglés), falamos de GCiencia, o portal galego da ciencia que xa abriu as súas portas. O eixo desta páxina serán as reportaxes, informacións e entrevistas, amais da achega de material audiovisual e tribunas de opinión, blogs e videoblogs.
Detrás desta idea atópase unha equipa de xornalistas coordinada por Eduardo Rolland e Pablo López que afirmaban que “GCiencia parte da formulación de que o xornalismo debe realizar un esforzo para axudar a transmitir á sociedade a investigación que se fai en Galicia, polo xeral dunha alta calidade”. Cómpre engadir que o desenvolvemento do proxecto editorial levouse a cabo grazas a seren un dos proxectos premiados no programa de bolsas iProx do Colexio de Xornalistas de Galicia e Novacaixagalicia.
E indo a GCiencia, subliñar que está estruturada en grandes áreas: ciencia, industria, mar, Universidade; e a partir de aí unha división por formatos (vídeo, opinión, etc.) ademais dunha área de Historias GC., que recollen perfís biográficos de científicos galegos do pasado e unha selección de artigos en inglés. O obxectivo desta web é analizar proxectos científicos nos que estean involucradas institucións públicas, universidades ou empresas privadas, e narrar a actualidade da ciencia en galego.
En canto aos responsables de GCiencia, dicir que Pablo López está estreitamente vinculado dende hai anos ao xornal El País, comezando a súa andaina profesional no Faro de Vigo e colaborando decote en diversos medios. Pola súa banda, Eduardo Rolland combina os seus artigos para La Voz de Galicia co seu traballo como xestor cultural, escritor, director e guionista de televisión e documentais. A coordinación dixital correrá a cargo do tamén xornalista Alberto Quian, investigador en medios de comunicación e autor de El impacto mediático y político de WikiLeaks.

PUBLICIDADE