Nace BEWATS, o novo proxecto da UVigo para loitar contra o lixo mariño

luns, 9 de decembro do 2019 Fernando Sarasketa

O investigador Fernando Martín, da Universidade de Vigo

Tirar proveito dos drons e das tecnoloxías para o manexo da información xerada por estes para protexer o medio natural mariño do lixo e da contaminación. Esta foi a gran base do proxecto galego LitterDrone e este é tamén o alicerce de BEWATS, iniciativa xurdida ao abeiro do anterior e que a prolonga e lle dá continuidade. Entre outras cousas, introducirá máis respostas acerca dos diversos interrogantes que xorden sobre os refugallos costeiros (de onde provén exactamente?, de que maneira viaxa nas correntes e en que lugares se deposita?, etc).
Tras LitterDrone estiveron investigadores da Universidade de Vigo, da empresa Grafinta e da Asociación Española de Basuras Marinas. O seu obxectivo foi desenvolver ferramentas para o control e a xestión remota de lixo mariño a través de UAV (vehículos aéreos non tripulados). Esta iniciativa pioneira rematou no pasado mes de xaneiro, pero terá continuidade a través de BEWATS, que retomará algúns dos seus desenvolvementos para ir un paso máis aló e facer seguimento da orixe e o destino dos residuos que acaban nas praias.
Fernando Martín, investigador do Grupo de Procesado de Imaxe e Realidade Virtual (GPI-RV) explica que BEWATS (Beach Waste Tracking System) foi seleccionado na convocatoria Pleamar da Fundación Biodiversidade cun orzamento total de 131.440 euros para un ano de duración.
Esta nova iniciativa consta de tres partes ben diferenciadas. Por unha banda, tratarase de mellorar algúns aspectos de LitterDrone, como o software de identificación do lixo ou o programa de integración e solapamentos das diferentes imaxes tomadas polos vehículos aéreos. N segunda parte do proxecto os investigadores empregarán os datos obtidos polas cámaras fotográficas instaladas nos UAV e a información pública que proporciona o Ministerio de Transición Ecolóxica sobre o estado das praias.
Unha terceira etapa do proxecto consistirá en que, unha vez que ese modelo xerado por ICMAT determine as posíbeis fontes de residuos ou destinos dos mesmos, intentar comprobalo con imaxes de satélite. Trátase, apunta Martín, de “ver se eses puntos do mapa xeran residuos, de que tipo e que hai preto deses lugares que poida estar xerando o lixo”. Para esta parte do proceso procederase á contratación dunha empresa de imaxe por satélite, GMV, en Barcelona.
Para desenvolver o proxecto, o equipo da UVigo empregará cámaras instaladas en drons, que permitirán facer un mapeado dos areais. Será, engade Martín, “unha especie de Google Maps dun momento concreto coa maior resolución e detalle para identificar os restos que hai na praia”. Para seguir o fluxo dos refugallos polas correntes usaranse imaxes de satélite públicas, sobre todo do Sentinel 2, do proxecto Copernicus da ESA.
O proxecto abranguerá toda a costa española grazas aos datos proporcionados polos informes do Ministerio, pero arrancará na ría de Vigo.

PUBLICIDADE