Na Rede unha guía didáctica sobre Frei Sarmiento impulsada polo IEGPS co apoio de Política Lingüística

xoves, 9 de novembro do 2023 S. P.

O Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (IEGPS), centro de investigación mixto do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e da Xunta de Galicia (XUGA), presentou na mañá deste xoves 9 de novembro a guía didáctica Frei Martín Sarmiento, iniciativa promovida polo devandito Instituto no marco da conmemoración, en 2022, dos 250 anos do falecemento do relixioso beneditino e escritor, padroeiro do IEGPS. A obra, dunhas 60 páxinas, está editada por Editorial CSIC e conta co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. Foi lanzada tamén en versión dixital a través da Rede.
O acto de presentación contou coas intervencións do director do IEGPS, Pablo S. Otero Piñeyro Maseda; Jeniffer Fernández González en representación dos autores (ela mesma, Miguel García Fernández e María Rivo Vázquez, persoal técnico de investigación do IEGPS), da ilustradora, Patricia Díaz Soto, e do secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García Gómez.
Segundo fixeron saber, trátase da primeira guía didáctica que se elabora desde o IEGPS e “é unha mostra máis do decidido compromiso deste centro coa divulgación científica”.
Está escrita integramente en galego, lingua de Martín Sarmiento (máis coñecido como Padre Sarmiento ou Frei Sarmiento) e o seu obxectivo é achegar, dun xeito divulgativo, a vida, viaxes, escritos e pensamento do escritor e relixioso sobre temas tan diversos como as ciencias naturais, o patrimonio documental e histórico-artístico, a lingua galega ou a condición das mulleres. Todo iso a través de textos, ilustracións e actividades que se acompañan dun xogo de cartas sobre o patrimonio monumental que puido ver Frei Martín Sarmiento nas súas viaxes a Galicia.
Publicouse en versión impresa, cunha tirada non venal de 500 exemplares, e tamén se pode descargar gratuitamente na páxina web do IEGPS e na de Editorial CSIC. O mesmo equipo está a traballar nunha nova guía sobre o Seminario de Estudos Galegos no marco das conmemoracións polo centenario da súa fundación. A súa publicación estímase para 2024, tamén baixo o selo de Editorial CSIC.
Na presentación Valentín García destacou a necesidade de achegarlles aos máis novos a figura de Frei Martín Sarmiento, “un home con intereses amplísimos e que, a pesar de vivir moito tempo fóra de Galicia, sempre amosou preocupación pola súa lingua, pola súa cultura e, en xeral, polo seu progreso”. O secretario xeral de Política Lingüística considerou que materiais como “esta rigorosísima, coidadísima e divertida guía didáctica son moi útiles para divulgar entre a rapazada a vida, a obra e o exemplo do frade bieito”.

PUBLICIDADE