Na Rede un punto de venda de libros electrónicos a prezos reducidos: librosinlibro.es
venres, 7 de outubro do 2011
Máis que de poñelo todo máis barato ou máis
caro, o que probablemente preste máis sexa poñer prezos para tódolos petos.
Isto sería aplicábel a tódalas cousas susceptíbeis de seren mercadas, mesmo aos
libros electrónicos. Até o de agora, estes novos formatos só estaban ao alcance
dunha parte da cidadanía potencialmente lectora, e cumpría, como noutros eidos,
habilitar liñas de distribución para economías menos potentes. Disto e de
outras cousas semella tratar librosinlibro.es,
un punto dixital de achega de obras en liña de acceso doado e sen os atrancos
de libro uso que soen introducir os altos estamentos da industria, os DRM.
Segundo nos conta Xornal.com
os prezos estarían até un 40% máis baixos ca en papel, cousa que, estamos
seguros, comezará a interesar a moitos dos que até o de agora non lle vían
vantaxes a esta cousa do libro electrónico.
A proposta vén da man de Jesús Egido, editor
de Rey Lear e Reino de Cordelia, acompañado para este novo lanzamento de Eduardo
Riestra, de Ediciones del Viento e de José Ángel Zapatero, de Menoscuarto. O
proxecto, en realidade, non é novo, cómpre remontarse a dous anos atrás, nun
intre en que non se sabía moi ben se o libro dixital ía ter futuro ou non. A xuízo
dos responsábeis de librosinlibro.es, a clave do éxito é ben probábel que pase
por reducir prezos, co fin de que a xente vexa compensada con credes a falta de
soporte físico, até o de agora o principal argumento dos formatos tradicionais.
Polo de agora teñen setenta libros no seu catálogo, pero agardan chegar aos 200
antes de que remate o ano. O seu modo de actuar, no que se refire ao reparto
dos beneficios, é facer o menos posíbel de intermediarios ao uso. De feito,
esperan que os autores podan recibir un 40% dos beneficios.