Na Rede o mapa de estradas máis antigo que se conserva

luns, 9 de xuño do 2008 Fernando Sarasketa

O noso compañeiro Manolo Gago dá conta estes días no seu caderno dunha desas iniciativas que ten tanto de vello (máis polo miúdo, de antigo) como de innovador e que vai sobre todo dirixida aos internautas que, antes de meterse na Rede, procuraban todo o procurable nos mapas, mesmo o que non se atopaba neles, senón no maxín. O achado, que como todo achado nisto da Internet leva coma un ronsel unha interesante cadea de ligazóns (o elo que precede ó de Gago é o de Opaco), consiste na dixitalización perante a comunidade internauta da Tabula Peutingeriana, que é o mapa de estradas máis antigo que se conserva.
Consiste nun pergameo de feitura e fondo concibidos –sobre calquera outro obxectivo- para achegar un obxecto de natureza práctica. Non en van, e malia a súa lonxitude (é máis longo que alto, pois ten unhas dimensións de 6,75 metros por 34 cm de alto), podíase carretar dun recanto a outro do mundo igual ca unha guía de viaxes e xa en tempos do Imperio Romano.
Por certo que o mapa dixitalizado data do século IV, polo que cómpre advertir que é posible que os detalles xeográficos que nel se ofrecen non se axusten totalmente á idea que nós temos hoxe dun mapa. Con todo, si que achega información recoñecible que axuda a fincar os pés na terra, como por exemplo a localización exacta de poboamentos galegos actuais que xa existían no Imperio Romano, como Brigantia ou Lucus.

PUBLICIDADE