NETA V3A, o primeiro asistente virtual galegofalante ao servizo das persoas maiores, é xa unha realidade

venres, 12 de marzo do 2021 Fernando Sarasketa

Este 12 de marzo presentáronse por vía telemática os froitos principais do proxecto de innovación NETA V3A impulsado pola empresa galega Balidea (xunto con Atendo, FrutoDS, Ledisson AIT e Gradiant), que propón, a través desta iniciativa, unha nova e revolucionaria faciana da robótica como recurso para incrementar a nosa calidade de vida, poñendo o foco no colectivo de persoas maiores. NETA V3A, en concreto, é un proxecto de sistemas intelixentes amigábeis que inclúe o desenvolvemento dun prototipo de robot asistente e máis un bot conservador que fala galego e castelán e que acompaña ás persoas maiores no seu día a día.
Ademais, Balidea informou de que xa están integrados todos os módulos que conforman a plataforma de software do sistema e desenvolveu, tamén, un planificador que permite a cada usuario personalizar as interaccións co bot/robot, seguindo recomendacións da Atención Centrada na Persoa (ACP).
Finalmente, probouse tanto o prototipo do robot como o funcionamento da aplicación para dispositivos móbiles nun proxecto piloto con persoas usuarias reais. O piloto foi realizado en Vigo entre novembro e decembro de 2020, en plena crise pola pandemia da COVID-19, polo que o recrutado de persoas voluntarias e a xestión supuxo “un reto para todo o consorcio de empresas do proxecto”, explicou Balidea, engadindo que “a pesar destes atrancos, 34 persoas voluntarias con idades comprendidas entre os 56 e os 82 anos participaron nas probas”. O resultado foi que se demostrou a importancia dunha ferramenta como NETA para as persoas maiores, especialmente “en circunstancias como as que estamos a vivir, achegando unha canle de comunicación fácil e segura para manter a interacción con familiares e coa comunidade”.
NETA V3A é unha iniciativa de I+D+i que busca achegar solucións tecnolóxicas para mellorar a calidade de vida das persoas adultas maiores, no marco da convocatoria Conecta PEME da Axencia Galega de Innovación (GAIN).
Á fronte de NETAV3A están as empresas Balidea, Atendo, FrutoDS e Ledisson AIT, con Gradiant como centro tecnolóxico asociado.
Miguel Arias, responsábel técnico do proxecto en Balidea, destacou “o gran reto que supuxo para a empresa desenvolver o primeiro asistente virtual bilingüe, que entende e fala tanto galego como castelán. Era importante para comunicarse cos maiores da nosa comunidade falar no seu idioma”.
Pola súa banda, o especialista en sylver economy Juan Carlos Alcaide falou do “coidado humano amplificado pola tecnoloxía, que se apoia en NETA para prestarlles ás persoas maiores a axuda que necesitan”.
No acto de presentación interviñeron tamén Gisela García Álvarez (CSG), Luis Barros (Atendo), Lorena González (Gradiant), Alberto Montiel (FrutoDS), Alfonso Cuerdo (Ledisson) e Héctor Robles (Atendo).
Robótica amigábel para manter o contacto en tempos de pandemia
Os desenvolvedores de NETA destacan a relevancia deste proxecto no contexto actual, de distanciamento social debido á pandemia da COVID-19, que supuxo “unha dificultade engadida para moitas persoas maiores que viven soas”. A través do proxecto, achégase unha proposta de “robótica social, amigábel e afastada de estereotipos”, para acompañalas e facilitar as súas rutinas diarias, así como mantelas en contacto coas súas redes familiares e demais seres queridos.
Inclúe unha revolucionaria e significativa combinación de tecnoloxías: asistencia por voz, gamificación e Intelixencia Artificial, todo ao servizo de conseguir que “o uso da ferramenta sexa sinxelo e intuitivo” e para “ofrecer unha solución tecnolóxica respectuosa, que apoie a cada persoa no desenvolvemento do seu propio plan de vida, atendendo ás súas decisións persoais”.
O primeiro robot social creado en Galicia
O obxectivo xeral deste proxecto era desenvolver un robot, NETA V3A, como un elemento de apoio para que as persoas estean o maior tempo posíbel vivindo a vida tal e como a queren vivir. Trátase, segundo explica Balidea e o resto de empresas participantes, “do primeiro robot social desenvolvido en Galicia, un asistente virtual bilingüe, co que a persoa usuaria se pode comunicar por voz tanto en galego como en castelán”.
Dispón, ademais, dunha versión para dispositivos móbiles.
Este proxecto intégrase na chamada “economía prateada” (silver econcomy) da que derivarán produtos e servizos para as novas xeracións de adultos maiores.
Está subvencionado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN), co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do programa Conecta PEME, á súa vez co-financiado polo Fondo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea.

PUBLICIDADE