NEC anuncia o primeiro controlador USB 3.0

mércores, 20 de maio do 2009 Marcus Fernández

NEC Electronics anunciou o primeiro controlador con soporte do estándar de alta velocidade USB 3.0, que permitirá velocidades de transferencia de ata 5 Gbps (10 veces máis rápido que o USB 2.0) de xeito que podería copiar un disco Blu-ray dunha capa en apenas 70 segundos.
O controlador µPD720200 conserva a compatiblidade con USB 1.0, 1.1 e 2.0, o vindeiro mes comezarán a remitir mostras dos chips (que nun principio custarán 15 dólares) e agardan producir un millón de unidades no mes de setembro.
O USB 3.0 aínda tardará en poder aproveitarse ao 100%, pois actualmente tecnoloxías coma PCI Express e SATA están limitadas a velocidades de transferencia de 3 Gbps, pero este novo estándar será moi atractivo para as transferencias masivas de información, especialmente se temos en conta o tamaño que ocupan os vídeos en alta definición (ou o largo de banda preciso para a súa transferencia sen compresión), resultando moi atinado que o USB 3.0 adiántese incluso ás necesidades do mercado.

PUBLICIDADE