NCG consegue cuadriplicar nun ano as operacións de clientes a través do móbil

luns, 8 de outubro do 2012 Fernando Sarasketa

Novagalicia Banco deu a coñecer, esta pasada fin de semana, as súas máis recentes cifras en materia de aproveitamento das novas tecnoloxías, máis polo miúdo dos trebellos móbiles dos seus clientes. Segundo fixo saber a entidade financeira galega, multiplicouse por catro o número de operacións que se realizan a través de teléfonos móbiles, superando por vez primeira o millón de transaccións nos últimos 12 meses. Isto, engaden fontes de NCG Banco, ten relación directa con varios factores: a normalización do uso dos móbiles para todo tipo de operacións diarias e cotiás, e, tamén, a propia evolución dos servizos bancarios da entidade galega.
Este desenvolvemento, engade, ten polo tanto dúas responsabilidades directas: por unha banda os usuarios de NCG Banco e o seu apoio ás novas tecnoloxías como ferramentas de confianza e, pola outra, o propio traballo de innovación da empresa, materializado nun proceso de integración informática nun tempo marca que “permitiu maior calidade de servizo e máis dispoñibilidade nas canles”. Esta fusión-unificación informática, materializada hai un ano, contribuíu a reducir nun 5% o número de operacións que os clientes realizan persoalmente nas oficinas. Arestora, NCG Banco xestiona máis do 75% da súa actividade cotiá a través das canles tecnolóxicas.

PUBLICIDADE