Mymoid, nova aplicación para facer máis doados e seguros os pagos co móbil

mércores, 13 de novembro do 2013 Redacción

Esta semana chegounos información sobre a posta en marcha recente dunha ferramenta dirixida a pórnos as cousas máis doadas en relación ao pago polo móbil, segundo os responsábeis desta aplicación unha costume (a de mercar co aparello) que se está impoñer de tal xeito que se agarda equipare en breve ás compras de tipo tradicional. Ben, falamos de Mymoid, servizo de pago por móbil que permite vincular todos os medios de pago dun usuario no smartphone.
A achega en cuestión non é nova, e súmase a unha longa listaxe de plataformas que se dirixen cara a obxectivos semellantes, pero os seus responsábeis sinalan ter unha boa baza: que se trataría do primeiro servizo de pagamento co móbil que opera a través da entidade de pago do usuario, “o que lle obriga a cumprir e estar baixo a supervisión do Banco de España”. Deste xeito, o usuario pode vencellar tódalas tarxetas que queira vencellar a Mymoid, elixindo logo con cal desexa facer o desembolso.
Mymoid, ademais, facilita a operación mediante códigos QR, NFC ou SMS, para que recibamos “da maneira máis sinxela posíbel as ordes”, informa a empresa responsábel deste desenvolvemento (TechnoActivity), que tamén fai fincapé en que o devandito “facilita moito os pagos en diferentes contornas”. A aplicación comezo estando dispoñíbel só para Android, pero agora tamén a temos con feitura iOS.

PUBLICIDADE