MySpace promoverá High School Musical 3 cun concurso multitudinario

martes, 2 de setembro do 2008 Fernando Sarasketa

A nova cinta da firma Walt Disney, High School Musical 3, está a piques de chegar ás pantallas norteamericanas con ligazóns estreitas ao dixital. Máis polo miúdo, con ligazóns ao MySpace, comunidade en liña onde vai arrincar o vindeiro martes un concurso que, para a dita rede social, é o meirande acontecemento promocional destas características dos celebrados até o día de hoxe no seu seo. A idea dos responsables dunha cousa e doura é a mesma que sustenta calquera iniciativa de marketing en liña na sociedade actual: abrir boca. O concurso sobre o filme, que representa o paso á gran pantalla da serie de televisión High School, parte da base de tirar partido dos máis de 76 millóns de usuarios de MySpace para preparar o camiño da película, identificándose a unha boa parte da dita comunidade como potencialmente interesada en acudir ao filme.
E máis se temos en conta que o 40% das nais de Estados Unidos tamén é membro de MySpace nos Estados Unidos, o que dá unha idea máis do porqué da iniciativa: unha nai, sexa daquel país ou do resto do mundo, sempre sabe que película lle convén máis aos seus fillos propios... e aos alleos.
O certame en cuestión, no que poderán participar colexios e institutos, consistirá nunha serie de xogos en liña nos que, entre outras cousas, convidarase aos equipos a facer e subir imaxes e vídeos ou a poñerlles adobíos ás súas respectivas páxinas na rede social. A clave para gañar: ter o meirande “espírito escolar” e, sobre todo, aparentar que se ten. O certame vaise desenvolver ao longo de semanas (até o 3 de novembro), tanto dentro como fóra de Internet. Quen saia vitorioso, amais do empacho de High School Musical do que poida que non saia indemne, terá –entre outros- o privilexio de visitar de balde algún dos parques temáticos de Disney. Asemade, recibirá un viaxe gratis para todo o seu curso e terá a ocasión de reunirse coa cantante pop Natasha Bedingfield. Sinalar que o filme sobre o que se basea o certame estréase en Estados Unidos o 24 de outubro.

PUBLICIDADE