Muxía Turismo Rural premiará os mellores selfies desta primavera en Touriñán

mércores, 9 de marzo do 2016 Redacción

Muxía quere estar no mundo e nada mellor que botar man das ferramentas que levan a información dun recanto a outro. Nesta liña móvese a asociación Muxía Turismo Rural, que vén de activar un concurso de selfies baixo o epígrafe #MiSelfieenelMejorBancodelMundodeTouriñan, unha iniciativa que, como o seu propio nome indica diríxese a convidar a visitantes e residentes a que empreguen os móbiles e as redes sociais para inmortalizárense nun emprazamento especialmente significativo do concello: o cabo Touriñán e a súa contorna (ese banco de vistas privilexiadas).
Segundo informa a asociación, o certame xurdiu para amosar un fenómeno natural que se produce en Touriñán durante o solsticio de primavera: un fenómeno que se desenvolve a cabalo entre marzo e abril e que se traduce na última raiola de sol de Europa. Ou sexa, que quen queira despedirse do astro rei un día calquera do devandito período (do 20 de marzo até o 25 de abril) até o abrente do día despois terá o privilexio de ser quen diga en Europa o último “até mañá”. O premio será para quen mellor tira partido do lugar privilexiado e das posibilidades dos móbiles e os diferentes aparellos en materia de autorretrato. Os participantes, por certo, deben publicar a imaxe na páxina de Facebook de Muxía Turismo Rural ademais de enviala ao enderezo electrónico muxiaturismorural2015@gmail.com indicando o nome do participante, teléfono móbil e cubrindo o formulario. O concurso comeza o 20 de marzo e remata o 25 de abril.

PUBLICIDADE