Musk quere cobrar 8 dólares/mes por Twitter Blue

mércores, 2 de novembro do 2022 Marcus Fernández

Musk insiste na súa intención de cobrar 8 dólares por Twitter Blue cunha fotografía do seu disfrace de Halloween

A chegada de Elon Musk a Twitter está a ser moito máis brusca do que podería preverse, con grandes cambios na plataforma a moi curto prazo, incluso a nivel de modelo de negocio, segundo pode traducirse das súas manifestacións públicas e dos ultimatos lanzados aos equipos de desenvolvemento de Twitter, de xeito que en poucos días poderiamos ver xa cambios que evidencian a nova dirección da compañía.
No que respecta á expulsión de usuarios e á moderación de contidos, Musk prefire non comprometerse a nada, e polo momento anuncia que montará un comité que se encargará de dese ámbito, polo que detalles como o posible regreso de Donald Trump a Twitter aínda non está sobre a mesa.
Pero os cambios que parece que veremos en breve serán os relativos ao sistema de verificación de Twitter, caracterizado por un check azul xunto ao nome de usuario, que actualmente funciona dun xeito moi anárquico, sen un criterio claro sobre quen merece tal certificación que debería servir para confirmar que é quen di ser (o que resulta práctico para diferenciar a figuras públicas de suplantadores).
Inicialmente Musk asegurou que estaba pensando en cobrar 20 dólares/mes para manter unha conta verificada, o que provocou un rexeitamento masivo por parte dos usuarios, e o propio Stephen King chegou a manifestarse en contra, considerando que non ten sentido que pague por estar verificado en Twitter cando debería ser Twitter quen lle pagase a el por publicar na súa plataforma. A resposta de Musk non se fixo esperar, e xustificouse dicindo que «precisamos pagar as facturas dalgún xeito» sen depender totalmente da publicidade, suxerindo que o pagamento mensual podería ser de 8 dólares, o que agora semella estar escrito en pedra, asegurando Musk que non atenderá a queixas ao respecto.
Elon Musk explica que o sistema de verificación actual é unha trapallada, e suxire que pasará a substituírse por Twitter Blue, servizo que custará 8 dólares/mes (inicialmente custaba 2,99 dólares/mes e agora ten un prezo de 4,99 dólares/mes, aínda que os subscritores orixinais continúan a pagar 2,99 dólares/mes), o que non servirá só para contar coa marca de verificado, senón que tamén dará prioridade nas respostas, mencións e buscas (como un xeito de loitar contra o lixo na plataforma), permitirá a publicación de vídeos e audios de maior duración, reducirá a presenza de publicidade, permitirá saltar os muros de pagamento dalgúns editores (función que existe na actualidade nos EE.UU., e que algúns medios aseguran que vai desaparecer de xeito inminente) e incluso abriría a porta a que os creadores de contido poidan cobrar (The Washington Post aseguran que estaría en preparación un sistema para que os creadores poidan cobrar polo acceso aos seus vídeos, o que facilitaría a competición con outras plataformas, pero podería dar lugar a multitude de problemas).
A intención de Musk é que os actuais usuarios verificados perdan tal condición se non pagan 90 días despois do lanzamento do novo Twitter Blue, aínda que matiza que crearán unha nova etiqueta para identificar a figuras públicas, como xa acontece agora con algúns políticos e institucións gobernamentais (como Pedro Sánchez ou a Moncloa), de xeito que o check mudaría radicalmente de significado.

PUBLICIDADE