Music Vault ofrecerá máis de 2.000 horas de actuacións musicais en directo a través de YouTube

martes, 8 de xullo do 2014 Marcus Fernández

Hoxe é un grande día para os afeccionados á música de todo o mundo porque Music Vault ceibou unha canle en YouTube na que publicará en exclusiva vídeos de actuacións en directo de artistas como The Who, Bob Dylan, James Brown ou Bruce Springsteen, así como algúns músicos independentes, dos que xa podemos ver varios centos, pero que agarda chegar aos 13.000 clips que sumarán máis de 2.000 horas de música dos últimos 50 anos.
Esta impresionante recompilación musical permítenos ver actuacións clásicas en Woodstock e outros coñecidos festivais, concertos en coñecidas salas de todo o mundo e incluso concertos íntegros, para o que foi preciso traballar durante un par de anos na restauración, transferencia, mesturado e masterización de centos de cintas dun inmenso arquivo que grazas á colaboración con YouTube chegará ás novas xeracións que poderán gozar destes grandes clásicos da música contemporánea.
Dende Music Vault prometen que incorporarán novos vídeos e listaxes de reprodución seleccionadas manualmente de xeito diario, permitindo que dende calquera parte do mundo poida accederse á meirande colección musical do planeta.


Vídeo de presentación do Music Vault

PUBLICIDADE