Mundos Dixitais explorou un ano máis os avances na creación de contidos dixitais

luns, 13 de xullo do 2015 Marcus Fernández

A xornada de clausura do Festival Internacional Mundos Dixitais 2015, desenvolvido no recinto coruñés de PALEXCO, contou con diversos relatorios sobre animación e efectos especiais e rematou coa habitual cerimonia de entrega dos premios 3DAwards e os premios do Festival Internacional de Animación, que serviron de escaparate da boa saúde e o elevado potencial que este sector ten en España.

OA, de PrimerFrame, conseguiu o premio á Mellor Curtametraxe Animada Nacional

O pasado sábado foi realmente un día moi completo, con actividades de grande interese para calquera profesional da creación dixital, como unha charla de David Heras e Charly Puchol de User T-38, que deron conta dos efectos especiais de El Ministerio del Tiempo, para os que tomaron de referencia as prácticas de series como Juego de Tronos ou Los Tudor, pero axustándose a un orzamento moi inferior (para así poder crear os efectos de cada capítulo en apenas unha semana); precisamente sobre os efectos en Juego de Tronos tamén houbo un relatorio, do equipo de El Ranchito, que explicaron o proceso de creación da batalla máis ambiciosa da última tempada da serie (cos salvaxes loitando contra un exército de mortos viventes); Hidetaka Yosumi, de Ilion Animation Studios, falou sobre o reto de animar en 3D a seres humanos sen provocar rexeitamento por parte dos espectadores e amosou o trailer do seu último traballo, El Principito; Maxi Díaz, de Lightbox Entertainment, deu algúns detalles da produción de Atrapa la Bandera, filme de animación que tras tres anos de traballo verá a luz o mes que vén, procurando coller o relevo ao éxito de Las aventuras de Tadeo Jones; Sergio Pablos, de The SPA Studios, explicou algunhas técnicas para conseguir facer atractivos os proxectos, como demostrou coa creación de Gru, mi villano favorito; e Pedro Solís pechou as sesións de charlas contou a historia detrás da curtametraxe Cuerdas, que converteuse en todo un fenómeno social.

Daniel Martínez Lara e Rafael Cano Méndez recibiron con grande emoción os recoñecementos á súa curtametraxe Alike

Como broche ao Festival, celebrouse a entrega de premios dos 3DAwards así como do Festival Internacional de Animación. Este último outorga, cada ano, catro premios, indo a parar o recoñecemento como Mellor Curtametraxe Animada Nacional a OA de PrimerFrame; mentres que os premios á Mellor Curtametraxe de Animación e á o Premio do Público recaeron en Alike, curtametraxe dirixida por Daniel Martínez Lara e Rafael Cano Méndez, participantes habituais en Mundos Dixitais que amosaron unha grande satisfacción por recibir tal recoñecemento por parte dos seus compañeiros de profesión. O Premio do Xurado recaeu en Nebula, curtametraxe producida por Yves Portelli e dirixida por Camille Andre, Marion Bulot, Clément Doranlo, Myriam Fourati, Jonghyun Jungboix, Alexis Kerjosse e Sarah Simon.

Sergio Pablos recibiu o Premio Especial de Mundos Dixitais 2015

Sergio Pablos, supervisor de animación de películas como Tarzán, El jorobado de Notre Damme ou El Planeta del Tesoro recibiu o Premio Especial de Mundos Dixitais pola súa traxectoria profesional, amosándose emocionado polo repaso que se fixo pola súa traxectoria, pero deixando claro que aínda lle queda moito por facer, coa mirada posta no futuro dun sector que cada día é máis prometedor.

O Premio do Xurado recaeu en Nebula, recollendo o galardón a súa directora Camille Andre


Nebula, curtametraxe que acadou este ano o Premio do Xurado

PUBLICIDADE