Mundos Dixitais acolle a presentación dun conto emocional para trebellos baseado no estudo dos acenos faciais

venres, 6 de xullo do 2012 Fernando Sarasketa

Carlos Fernández, de Moonbite, nunha imaxe de El Ideal GallegoComezou esta semana na Coruña un dos festivais máis prestixiosos da animación (e da innovación ligada ao audiovisual) do panorama galego, estatal e europeo. Falamos de Mundos Dixitais, unha cita á que non poden faltar os seareiros das realidades virtuais e do cinema que busca explorar e adiantar o que verán os nosos ollos o día de mañá. O evento, que se vai prolongar até este sábado, dá acubillo este venres a unha importante xeira de novidades e presentacións. Entre as máis destacas e que máis nos collen de preto está a que vén da man da empresa galega Moonbite Games e do centro vigués Gradiant. Xuntos deron a coñecer o que será o primeiro conto emocional para dispositivos móbiles baseado en análises de expresións faciais.
Este conto, informan os seus responsábeis, abrangue dúas partes principais: unha primeira, narrativa en sentido estrito, cos seus personaxes e animacións, e unha segunda que constitúe un módulo de estudo emocional que é quen de interpretar os acenos e as expresións do lector en tempo real. “Ao igual que en Dungeons & Dragons”, sinalan Gradiant e Moonbite, “preténdese implicar ao máximo ao neno na historia, dotando ao conto da capacidade de reaccionar ante as emocións do lector e que isto inflúa na propia aventura, deste xeito a historia, ou o seu final, poderá mudar en función das reaccións do lector”. Polo tanto, engaden, a propia ficción poderá dicirlle ao lector que amose unha determinada expresión (por exemplo de alporizamento á hora de derrotar ao dragón) ou que imite os acenos do heroe para “pasar de páxina e continuar coa aventura”.
As opcións e potencialidades de uso son, a xuízo dos promotores/desenvolvedores da iniciativa, infinitas dependendo das historias. En opinión de Gradiant e Moonbite, este tipo de conta axudará a reforzar a aprendizaxe en nenos con autismo e outros problemas de capacidade e desenvolvemento emocional, amais de ser unha ferramenta lúdica.

PUBLICIDADE