Multa de 100 millóns de reais a Apple por non incluír cargador cos iPhone no Brasil

venres, 14 de outubro do 2022 Marcus Fernández

Mentres que na Unión Europea está a favorecerse a venda de dispositivos electrónicos sen cargadores para reducir os refugallos producidos polo uso da tecnoloxía nas nosas vidas, no Brasil consideran que Apple abusa dos consumidores ao subministrar os seus teléfonos sen cargador, e tras unha resolución do mes pasado na que suspendíase a venda de iPhones sen cargador no Brasil xunto cunha sanción de 12 millóns de reais (2,4 millóns de euros), chega agora unha resolución xudicial na que sancionan a Apple por valor de 100 millóns de reais (19,54 millóns de euros). Ambos casos aínda son susceptibles de recurso por parte de Apple.
A sentenza de onte o xuíz Caramuru Afonso Francisco, da Corte Civil nº 18 do Tribunal de Xustiza de São Paulo, esixe a Apple que «só efectúe a venda dos seus dispositivos telefónicos, en todos os modelos comercializados no territorio nacional, cos adaptares de corrente» detallando que por danos sociais Apple deberá pagar 100 millóns de reais en concepto de indemnización aos que se sumarían uns «xuros de demora do 1% ao mes capitalizados anualmente».
Apple deixaría de incluír adaptador de corrente nos seus móbiles a partir do iPhone 12, argumentando obxectivos ambientais, argumento que tamén utilizou Samsung, compañía que incluíu na caixa algúns móbiles o cargador, mentres que para o resto habilitou unha sección na súa páxina web para poder solicitar a recepción do devandito accesorio.

PUBLICIDADE