Mozilla rexeita que o Firefox reproduza de xeito nativo vídeo en H.264

luns, 25 de xaneiro do 2010 Marcus Fernández

Nos últimos días tanto Google coma Vimeo anunciaron a súa aposta pola tecnoloxía HTML5 para librar as súas webs de vídeo dun reprodutor baseado en tecnoloxía Adobe Flash, para permitir que os navegadores web moderno poidan facer uso do seu reprodutor multimedia nativo para amosar vídeos comprimidos baixo o codec H.264, o que está a topar cun atranco importante, posto que para acceder a este tipo de vídeo hai que adquirir unha licenza de uso que non é compatible coa filosofía de desenvolvemento da Fundación Mozilla, de xeito que o Firefox non será compatible con esta nova tendencia.
O vicepresidente do departamento de enxeñería de Mozilla, Mike Shaver, explica no seu blog que tanto os custos de licenza do codec H.264 (que sería duns 5 millóns de dólares ao ano) como a súa filosofía pechada (que choca cos principios que defenden os desenvolvedores de código aberto) fainos rexeitar a reprodución nativa de vídeos con este tipo de compresión, optando pola adopción de vídeos Ogg Theora (cunha presenza na Internet totalmente irrelevante, aínda que totalmente libre de patentes).
Aínda que a adopción do HTML5 sexa a longo prazo, este tipo de atranco por parte de Mozilla podería supor un lastre para dicir adeus ao Flash coma reprodutor de vídeo. Tamén é posible que o soporte do codec H.264 por parte de navegadores coma o Google Chrome poida incrementar a súa popularidade, facendo perigar a posición que actualmente ostenta o Firefox coma principal alternativa ao Internet Explorer de Microsoft.

PUBLICIDADE