Movistar ordena por parámetros de accesibilidade o seu catálogo de smartphones e tabletas

mércores, 30 de novembro do 2016 Redacción

Movistar vén de anunciar que comeza a clasificar os seus dispositivos móbiles en España por criterios de accesibilidade. Este proceso, que forma parte dun proceso máis amplo (a súa transformación cara a “unha compañía de telecomunicacións sen barreiras”), será efectivo a partir deste 1 de decembro. Isto significa que os aparellos móbiles incluídos na oferta de Movistar van comezar a dispoñerse tendo en conta sete tipos de interaccións. Estes son: visión baixa ou nula, audición baixa ou nula, dificultade moderada ou severa para a manipulación e dificultade para a comprensión. A compañía pretende “achegar a revolución dixital a toda a sociedade e contribuír a que as tecnoloxías melloren a vida de todos, dotándolles da autonomía necesaria para realizarse plenamente como persoas”.
Segundo salienta Movistar, a idea foi ordenar en base a conceptos e parámetros de utilidade o extremadamente diverso panorama actual de móbiles, “con todo tipo smartphones e tabletas con distintos sistemas operativos”. Estes aparellos, por mor das súas semellanzas evidentes poden levar aos usuarios á idea de crer que comparten todas as súas funcionalidades, pero a verdade é que “inclúen diferenzas que poden supor importantes atrancos para algunhas persoas”, sinala Movistar. Por esta razón, a operadora quere achandar e simplificar a busca do smartphone e a tableta máis axeitados para un cliente cunhas demandas determinadas. Deste xeito, Movistar identifica cunha icona doada de interpretar cada un do sete casos de uso máis habituais, “de tal maneira que calquera persoa que queira mercar un móbil pode atopar con facilidade o máis acaido para as súas características e demandas”. O único que teremos que facer é irmos á canle online da oferta de Movistar e seleccionarmos a icona ou iconas correspondentes. De contado, obteremos a relación de dispositivos que máis se axusta ás nosas necesidades.
Movistar, que anuncia esta iniciativa en vésperas do Día Internacional das Persoas con Discapacidade (o 3 de decembro), xa incluíu esta información no 50% do seu catálogo. Para isto, contou coa axuda de Fundación ONCE, socio de referencia de Telefónica, que realizou o labor de asesoramento na experiencia de uso de cada dispositivo, así como coa colaboración dos fabricantes (Huawei, LG, Samsung e TCL Communication), que cederon os seus terminais para que o ONCE fixese o seu traballo. Ademais, Telefónica seguirá traballando cos fabricantes e provedores de sistemas operativos para mellorar a accesibilidade dos seus terminais.

PUBLICIDADE