Movistar+ ofrecerá unha canle de televisión para promocionar o novo filme de Star Wars

luns, 21 de setembro do 2015 Marcus Fernández

Simon Amselem, conselleiro delegado de The Walt Disney Company España e Portugal e Ignacio Fernández-Vega, director de Movistar+ en Telefónica España

A loita polos dereitos de retransmisión da Liga BBVA e outras competicións durante o verán deixou claro que as actuais plataformas dixitais están a dar moita importancia aos contidos á hora de captar público, e como outro exemplo máis temos que Telefónica de España a The Walt Disney Company Iberia pecharon un acordo polo que os usuarios de Movistar+ poderán acceder á máis ampla oferta de contidos de Star Wars vista en televisión no territorio español.
Este novo acordo presentouse no marco do Festival de Cine de San Sebastián por parte de Simon Asemselem, conselleiro delegado de Disney para España e Portugal, e Ignacio Fernández-Vega, director de Movistar+ en Telefónica España.
A plataforma televisiva de Telefónica ofrecerá programas de produción propia (como El Imperio de los Fans ou Star Wars Celebration), as dúas triloxías cinematográficas de Star Wars, e incluso o filme Star Wars: El Despertar de la Fuerza poucos meses despois de que chegue aos cines o 18 de decembro. De feito, esta estrea nas salas de exhibición vai apoiarse coa aparición da canle Movistar+ Star Wars durante os 15 días previos á chegada do novo filme, promocionando así o lanzamento con películas, documentais e outros espazos que poderán gozar das facilidades do vídeo baixo demanda e multi-dispositivo.

PUBLICIDADE